DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Enrique Valero dirixe o grupo de investigación

A Amazonía peruana ensaia o cultivo do cacao como alternativa á coca a través dunha intervención do grupo AF-4 da EUET Forestal

O vicerreitor de campus, Jesús Hernández, acudiu á presentación do proxecto

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Camino Carballeira DUVI 21/05/2009

Máis que unha etiqueta ou un concepto de moda o desenvolvemento sostible é ese área onde conflúen os sectores social, económico e medioambiental. Así, realizar un proxecto de explotación agroforestal sostible nunha zona con graves eivas sociais, escaso desenvolvemento económico e altamente sensible en canto aos valores naturais como a Amazonía peruana preséntase como un reto. Unha intervención que está realizando o grupo de investigación AF-4 da EUET Forestal, dirixido por Enrique Valero. Canda a Universidade de Vigo, o traballo está sendo cofinanciado pola Axencia Española de Cooperación Internacional (AECID), en asociación coa Universidad Nacional de La Molina e a Fundación Biodiversidad. O vicerreitor do campus de Pontevedra, Jesús Hernández, acompañou a Valero na presentación dun proxecto “no que vemos como o espírito universitario da investigación transfírese a zonas que precisan de coñecemento e sabedoría”, indicou.
Esta experiencia está levándose a cabo na Plantación María, propiedade do empresario galego Alberto Faubel, e pretende servir de exemplo do uso do cacao como cultivo alternativo á coca. Un modelo replicable “de plantación de cacao pero respectando a selva” que poña fin á práctica de queima sistemática, coñecida como purna, “pola que as familias queiman unha porción de terreo, plantan iuca ou freixóns. Un sistema que ao proceder da queima dura pouco tempo, polo que repiten a operación noutra zona”, explica Valero. O resultado deste procedemento é unha deforestación sistemática dos terreos.
Esta incidencia únese á esquilma que na zona se vén producindo de calquera especie que teña valor “como a caoba, o tomillo (Cedrelinga catenaeformis), o estoraque, cedro e outras madeiras de valor”. Precisamente por iso, o proxecto tamén contempla a restauración forestal do bosque ilegalmente talado e a delimitación de áreas protexidas. A área de intervención, dunhas 1500 hectáreas, está a carón do Parque Nacional da Cordillera Azul e un terzo da súa superficie deixarase como reserva. A conservación da rede hidrográfica, que actúa como corredor natural para a fauna, é outro dos aspectos que se está tendo en conta na planificación territorial.

En colaboración coas autoridades da zona

A estreita colaboración coas autoridades e organizacións que actúan na zona facilita e impulsa o éxito do proxecto e a súa difusión entre as comunidades veciñas. O equipo mantén contacto coa CIMA, a oenegué que xestiona o Parque Nacional Cordillera Azul; co Ministerio de Agricultura; o Instituto Nacional de Innovación Agraria ou Instituto Nacional de Recursos Naturais (INRENA). A axuda ofrecida por ese proxecto vén botar unha man ao labor que están realizando xa que, por exemplo, no INRENA “media ducia de funcionarios teñen que controlar unha rexión de millóns de hectáreas da tala ilegal sen materiais”, sinalaou Valero.

Asociación de Cultivo de Cacao

Máis aló da intervención na Plantación María, as repercusións deste proxecto xa están chegando ás comunidades veciñas. Así, a plantación mantén un volume duns vinte ou trinta traballadores permanente e en poboacións como Pucalpa, Pueblo Nuevo ou Miraflores xa se creou unha Asociación de Cultivo de Cacao para “que as poboacións se organicen para traballar no cultivo de cacao e promocionalo como alternativa á coca, impulsando una saída económica e social á rexión”, adiantou Valero.