DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun seminario internacional no que participan un cento de asistentes

O ámbito do Dereito demanda "prevención e procesos de intervención axeitados" ante a violencia de xénero exercida por menores

Advirten que estas condutas iniciadas e non freadas na infancia, perpetuaranse na idade adulta

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
D. Besadío DUVI 30/06/2021

Conscientes de que a violencia "iniciada e non freada" en idades temperás estenderase e perpetuarase nas relacións afectivas como adultos, especialistas de diferentes ámbitos do Dereito están a participar este mércores e xoves nun seminario internacional en liña sobre menores e violencia de xénero. Trátase, entre outros aspectos, de trasladar a “absoluta necesidade” de pór en marcha procesos de prevención na infancia e na adolescencia, así como de dotarse de instrumentos axeitados para identificar “con rapidez e eficacia” situacións complexas que poidan afectar aos menores de idade  e, tras establecer os diagnósticos sociais pertinentes, implementar procesos de intervención adecuados.

Codirixido polas docentes Esther Pillado, catedrática de Dereito Procesual, que foi a encargada de inaugurar o encontro, e Carmen Verde, profesora titular de Traballo Social, o seminario estrutúrase en dúas partes perfectamente diferenciadas entre si, pero que, a xuízo das organizadoras, teñen tamén unha grande conexión entre elas. A primeira parte está dedicada a analizar as peculiaridades do proceso penal ante un acto de violencia de xénero cometido por un menor de idade, “no que é necesario alcanzar un equilibrio entre o interese do menor infractor, que é o principio esencial que inspira a resposta penal e procesual ante o delito cometido, e a necesaria protección á vítima de violencia”, explica Pillado.

En canto á necesidade de pór en marcha procesos de prevención, salientouse a importancia de que estas medidas preventivas se establezan tanto no ámbito familiar, como no escolar e no comunitario. “Somos todos responsables -a familia, a escola, a comunidade-  de educar, no sentido máis amplo posible, nunha cultura máis  respectuosa, igualitaria e inclusiva”, salientou Pillado. Xunto a isto, a experta incidiu  en que tamén é responsabilidade dos e das profesionais dos sistemas públicos de protección social (sistema educativo, servizos sociais, xustiza...) utilizar instrumentos axeitados para identificar este tipo de situacións conflitivas e establecer de xeito áxil as intervencións máis adecuadas e necesarias. 

Os datos aínda non son alarmantes, pero é necesario reflexionar sobre como abordar este tipo de casos

Con preto de cen persoas matriculadas, a conferencia da apertura correu a cargo de Marta del Pozo, profesora titular de Dereito Procesual da Universidade de Salamanca, que fixo unha introdución xeral á realidade actual da violencia de xénero. Tras ela, tivo lugar a primeira mesa redonda, centrada xa no tema do tratamento procesual da violencia de xénero exercida por menores, na que Pillado estivo acompañada polo profesor da UVigo Pablo Grande, e na que se analizaron as particularidades do proceso penal de menores por este tipo de delitos. “Si ben os datos estatísticos dispoñibles revelan que, polo momento, o fenómeno da violencia de xénero exercida por menores non resulta alarmante, si se fai necesaria unha reflexión e un estudo sosegado sobre a forma de abordalo con eficacia”, explicou Pillado.

Tal e como se explicou, unha vez que se constata que o concepto legal de violencia de xénero que proporciona a Ley Orgánica de medidas de protección integral contra la violencia de género non establece condicionante algún por razón da idade do autor do acto violento nin da vítima, vanse desgranando as particularidades que presenta tal proceso penal de menores nestes supostos. Así, entre outros aspectos,  préstase especial atención á viabilidade ou non da adopción no ámbito da xurisdición de menores dunha orde de protección,  analízase a posibilidade de mediación, pese á prohibición que con carácter xeral para os supostos de violencia de xénero se contén no art. 44.5 LOMPIVG.   “Ademais, analizarán con detalle as garantías que han de rodear a declaración da vítima no proceso penal de menores por delitos de violencia de xénero e, en particular, cando a vítima tamén sexa menor de idade, co fin de evitarlle a chamada vitimización secundaria, e a súa compatibilidade co dereito de defensa do investigado”, explica Pillado. 

A xuízo de ambos docentes, cómpre destacar que neste tipo de delitos, “que frecuentemente se cometen nun ámbito de clandestinidade”, a declaración da vítima é unha proba de cargo esencial para poder acadar unha condena do agresor, e a xurisprudencia tenlle recoñecido aptitude por si soa para fundamentar unha sentenza de condena, cando se cumpran certos requisitos. “De aí a importancia de preservar ese equilibrio entre a protección da vítima e o dereito e defensa e á presunción de inocencia do investigado”, engade a catedrática viguesa.