DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Durante catro días máis de vinte empresas recollen no campus currículos do alumnado das enxeñarías

O ámbito tecnolóxico representa o 55,11% das ofertas de emprego xestionadas pola OFOE

Enxeñaría Industrial é o perfil máis demandado e a previsión é que a súa demanda siga en alza

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 21/03/2011

O ámbito tecnolóxico representa o 55,11% das ofertas de emprego xestionadas pola Oficina de Orientación ao Emprego, OFOE, desde o 1 de abril de 2010 ata o pasado 15 de marzo. Este é un dos datos que as técnicas do servizo, Reyes Fernández e Mertxe Inza, transmitiron aos asistentes do 11 Foro Tecnolóxico de Emprego, unha actividade que arrancou hoxe no campus de Vigo e que supón a cita anual dos máis de 6000 matriculados das cinco escolas de enxeñaría da Universidade co mundo laboral. O encontro coas técnicas da OFOE foi a primeira cita dun programa que se vai estender ao longo de toda a semana e que supón o desembarco no campus de 23 empresas de primeira liña internacional (Repsol, R, Alcoa, Babel, Egatel...) que aproveitarán estes días para facerse cunha boa carteira de currículos das novas fornadas de enxeñeiros.

24.000 euros ao ano para un recen titulado

Segundo o informe presentado pola OFOE, dentro das enxeñarías, a Industrial é o perfil máis buscado por toda a industria debido ao seu perfil versátil e pola súa capacidade para desempeñar tanto funcións de oficina como a pé de campo. “A previsión é que a demanda en calquera das súas especialidades siga en alza a pesares da ralentización económica e a caída da produción”, subliñou Reyes Fernández, quen tamén destacou que un recen titulado cobra un soldo medio de 24.000 euros ao ano, salario que ascende ata os 40.000 euros cando se acreditan de catro a cinco anos de experiencia. “Son cifras moi positivas que animan moito e que che fan ver que, aínda que as cousas xa non son o que eran, non todo é tan negativo como parece e aínda hai boas oportunidades para os que eliximos esta formación”, subliñou José Yanes, alumno de 5º de Enxeñaría Industrial, unha vez rematada a presentación da OFOE.

En canto ao tipo de postos ofertados, os datos da OFOE salientan que máis do 40% son para traballar en postos de produción, seguido dos departamentos de I+D (18,57%) e tamén das funcións de consultor-asesor (11,42%) mentres que apartados como o comercial ou as ventas non chegan ao 5% das convocatorias. Ademais, se ben a maior parte dos contratos que se asinan son de duración determinada, “algo máis dun 17% son indefinidos, unha cifra nada desprezable se temos en conta que se trata de primeiro emprego”, destacaron dende a OFOE.

“Actividades deste tipo permítennos ver por onde se move o mercado laboral”, salientaron dous dos asistentes, Iria Martínez e Daniel Gómez, estudantes de terceiro de Enxeñaría de Telecomunicación, “aínda que a nós o emprego aínda nos queda lonxe, informarnos ben é clave para ir elixindo itinerario”, apuntaron.

O teletraballo gaña postos

No referido aos lugares de traballo para os que se xestionaron ofertas a área de influenza de Vigo copa case a metade das convocatorias de emprego, se ben as técnicas de emprego salientaron como o teletraballo gaña posicións acadando xa arredor do 5% das ofertas. Ademais, destacaron tamén as opcións que se presentan desde Madrid, Bilbao ou Barcelona e mesmo doutros países “son moitas as empresas doutras comunidades que veñen aquí buscando aos nosos enxeñeiros, algo que dá fe do ben vistos que están a nivel nacional, subliñou Mertxe Inza.

Nesta primeira xornada do foro o alumnado tivo tamén a oportunidade de coñecer de primeira man o modo de crear empresas técnicas especializadas en iniciativas de base tecnolóxica, unha experiencia para a que, a xuízo das técnicas “hai que ter moita motivación e carácter emprendedor e unha boa idea de negocio”.

Inauguración en Minas

A inauguración do encontro levarase a cabo este martes as 13.00 horas no vestíbulo da ETS de Enxeñaría de Minas e a ela asistirán, entre outros, José Antonio Vilán, vicerreitor de Transferencia do Coñecemento; José Ignacio Armesto, director da Área de Emprego; Edita de Lorenzo, directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación; Luis González Piñeiro, director da Escola de Enxeñería Industrial; Lucía Molares, delegada territorial da Xunta de Galicia; e José Lino Comesaña, director do Instituto de Desarrollo de Novacaixagalicia.