DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha conferencia de Analía Moares inaugura o Ciclo de Conferencias da Facultade de Ciencias

Amigos da Terra explica no campus como se crea unha 'illa enerxética'

A relatora expuxo o traballo que realizan no Cento de Educación Ambiental As Corcerizas

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 15/02/2012

As Corcerizas é un centro de educación ambiental situado en plena serra de San Mamede, no macizo ourensán, que está xestionado pola asociación ecoloxista Amigos da Terra. Construído no ano 2010, o centro deseñouse e desenvolveuse como unha “illa enerxética”, un lugar no que toda a enerxía que se consume é producida alí mesmo. Como modelo desta autosuficiencia e de respecto pola contorna, este mércores Analía Moares, de Amigos da Terra, ofreceu no campus de Ourense a conferencia inaugural do Ciclo de Conferencias da Facultade de Ciencias.

Organizado pola facultade, a Asociación de Estudantes ECOUS e o Grupo Bioscope, o ciclo foi presentado polos representantes de ECOUS Iago Bernárdez, Luís Ansias e María Benavides, que destacaron a diversidade temática das dez conferencias que forman parte desta iniciativa que se desenvolverá ata o 16 de maio. Para dar comezo ás intervencións, que buscan dinamizar a vida no centro, o tema elixido foi a xestión enerxética, e concretamente a experiencia de Amigos da Terra en As Corcerizas.

“As Corcerizas é unha illa enerxética pero entendendo que unha illa enerxética é máis que pór uns paneis solares”, comezou advertindo Analía Moares aos asistentes á conferencia. Deste xeito, explicou, a enerxía que se consume no seu centro é producida in situ a través de placas solares, microaeroxeneradores, microturbinas hidráulicas e caldeiras de biomasa. Ademais, apuntou, no deseño inicial das Corcerizas tivéronse en conta criterios de arquitectura bioclomática e bioconstrución, facendo un aproveitamento solar pasivo a través do materiais que se empregaron, como cristaleiras, e orientando o edificio ao sur para aproveitar máis as horas de luz.

Alimentación e compostaxe

Segundo destacou Moraes por estes criterios enerxéticos autosuficientes e respectuosos coa contorna e co ser humano “As Corcerizas é un referente estatal neste eido” que actualmente funciona como centro de educación ambiental e albergue, con actividades de formación, divulgación e ocio que intentan valorizar tamén o patrimonio natural da serra de San Mamede. Ademais do seu modelo enerxético, engadiu entre os atractivos do lugar o feito de que traballan tamén aspectos como a compostaxe de residuos orgánicos, a reutilización e a reciclaxe e teñen tamén especial coidado no ámbito da sostibilidade en alimentación, optando por fórmulas como a agricultura ecolóxica, o comercio xusto, a compra local e/ou a granel e o rexeitamento a produtos moi elaborados.

A representante de Amigos da Terra foi a encargada de abrir un amplo e diverso programa de intervencións que afondarán en cuestións como a sismoloxía en Galicia ou a nanotecnoloxía a cargo de conferenciantes estatais e lusos. Da Universidade de Vigo participarán os investigadores e docentes Andrés Guerrero, Roberto Bustillo, José Ramón Seara e Adolfo Cordero. Por parte das universidades lusas estarán Mario E. Diniz, da Universidade Nova de Lisboa, e Gilberto Igrejas e Patricia Poeta, da Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro, e por parte das universidades estatais estará José A. González, da Universidade Autónoma de Madrid. Tamén intervirá Sandra Rodríguez, do Hospital Sant Joan Despi Moises Broggi.