DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O escritor Xosé Carlos Caneiro e o guitarrista Xosé Manuel Salgado ofrecen un recital no Liceo

Amor e amizade entre poemas e música

Segunda sesión dos 'XXI Encontros Literarios' de Ourense

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 04/02/2011
Se hai un tema recorrente na música e na poesía ese é o amor. Este sentimento, nas súas múltiples posibilidades, ten protagonizado innumerables pezas destas dúas artes. Por isto, o recital Poemas de Amor para Tempos Difíciles, a cargo do escritor Xosé Carlos Caneiro e do guitarrista Xosé Manuel Salgado, converteuse este xoves na mellor expresión da intensa relación existente entre música e poesía, tema dos XXI Encontros Literarios do Liceo.

O recital foi a segunda actividade da edición deste ano dos encontros, a cita de referencia literaria ourensá organizada pola Deputación Provincial e a Vicerreitoría do Campus de Ourense. Despois da conferencia inaugural de Francisco Fernández Naval o pasado 24 de xaneiro, Caneiro e Salgado tomaron o relevo e ofreceron un recital musicado ante preto de corenta persoas.

“Con todo o que nos leva quitado a crise que non nos quite o amor, a estima” sinalaba o escritor ourensán mentres ía recitando poema tras poema. Ao longo de arredor dunha hora, Caneiro, “da estirpe dos homes que resiste”, como se definiu a si mesmo ao comezo do recital, foi falando de amor, de cicatrices, de ilusións, de decepcións, de amizade e de esperanza, “algo que este país precisa máis que nunca e que está moi vinculada ao amor”.

A simbiose amor-música-poesía alcanzou no recital a súa máxima expresión cando de xeito espontáneo o escritor invitou a subir ao escenario ao músico Emilio Rúa, que colleu a guitarra e cantou un poema que previamente recitara Caneiro e que comezaba cun sentimental “non importa que o teu amor fora mentira, a min pareceume de verdade”, que arrancou o aplauso dos presentes. Segundo explicou Caneiro, os dous creadores están traballando na realización dun disco con este e outros poemas do ourensán.

Xosé Carlos Caneiro é autor dunha ampla obra literaria, entre a que destaca como poeta obras como Da túa Ausencia (1991), Estación Sur (1992) ou a Valgada Triste do Amor (1007). Por elas e pola súa tamén ampla obra narrativa ten recibido numerosos galardóns en certames literarios galegos e estatais.

Para pechar os XXI Encontros Literarios do Liceo a organización está pendente de que o cantautor Luis Eduardo Aute poida finalmente achegarse á cidade de Ourense, tal e como estaba previsto no programa das xornadas, para ofrecer a súa conferencia Animalario.