DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unhas xornadas afondan esta semana no campus sobre a relación entre afectos, medo e poder

Do amor e outros demos nas parellas adolescentes

Os expertos advirten que elas e eles se intercambian os roles de maltratador e vítima

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 15/04/2013

Cando en xeral se fala do amor adolescente faise atribuíndolle certa dose de inocencia, de despreocupación, de diversión e outros sentimentos similares. O habitual é falar do primeiro amor en positivo, non en negativo. Sen embargo, a realidade é ben diferente. Se se atenden ás últimas investigación académicas, as relacións dos mozos e mozas galegos teñen ben pouco de romanticismo e bastante de pesadelo. “Elas e eles someten a abusos ás súas parellas e fano intercambiando os roles de maltratador e vítima. O máis habitual é a violencia verbal e as ameazas, pero tamén hai un 44% de rapazas e un 3% de rapaces que recoñecen que cando menos unha vez padeceron abusos sexuais por parte das súas parellas”, subliñou Yolanda Rodríguez, docente da Universidade de Vigo.

Para falar destes temas, o campus de Ourense acolle desde este luns e ata o xoves as Xornadas Internacionais Amor, Medo e Poder. Espazos Vitais sen Violencia, que contan co patrocinio da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo e que están coordinadas polas profesoras da Facultade de Ciencias da Educación Yolanda Rodríguez e María Victoria Carrera. Expertas en violencia sexual e acoso escolar respectivamente, estas investigadoras puxeron o acento na primeira sesión das xornadas nos primeiros resultados de dous estudos que están realizando nestes eidos.

Bullying e dating violence

No caso do bullying, María Victoria Carrera explicou que actualmente están analizando os datos obtidos de 1500 enquisas realizadas a adolescentes galegos e outras tantas a lusos. Á espera dos resultados numéricos, a investigadora apuntou que unha primeira valoración dos mesmos apunta a que “os que sofren bullying, a violencia entre iguais, son os que transgriden os estereotipos, sendo maior a prevalenza do maltrato verbal e de ameazas que a violencia física”, sinalou a docente. “Os casos graves non son o habitual pero non hai que restar importancia ás súas formas menos explícitas, como son o maltrato verbal e a exclusión social. A estas non se lles dá importancia pero que poden ser devastadores para unha persoa, como se ten demostrado en casos de suicidios de adolescentes vítimas de ciberbullying”, comentou María Victoria Carrera.

Xunto a este acoso entre iguais, tamén preocupa no eido educativa, a cuestión da violencia de xénero nas parellas de adolescentes e non estables, coñecida como dating violence. Despois de realizar unha enquisa a 800 estudantes de últimos cursos da ESO e de Bacharelato de toda Galicia, Yolanda Rodríguez adiantou durante a celebración das xornadas que as cifras son preocupantes, pois un 44,8% das rapazas e un 3% dos rapaces aseguran ter padecido nalgunha ocasión abusos sexuais na parella, máis dun 90% de adolescentes, homes e mulleres, afirman ter soportado abusos verbais e máis dun 20% ameazas. "Tanto elas como eles sofren a violencia das súas parellas afectivas e tanto elas coma eles a exercen. Asumen un dobre rol de vítima e agresores. Elas empregan máis o abuso verbal, o insulto, e eles a violencia relacional, como estender falsos rumores ou falar mal da parella. Cando empregan a violencia física, elas fano nas formas máis leves, como unha labazada ou rabuño, e eles dunha forma máis forte”, apuntou.

Con estes datos na man, as investigadoras destacaron que todos e todas temos que traballar na prevención como fórmula para atallar esta situación e que hai que facelo desde o eido educativo pero tamén desde o familiar, controlando entre outras cuestións o uso das redes sociais por parte dos menores. “Estamos ante unha lacra silenciosa pero devastadora e temos que poñela sobre a mesa para buscarlle solución. Non se pode tolerar en ningún dos casos que as persoas que supostamente máis te queren te maltraten. A convivencia non pode estar baseada na violencia”, advertiu María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, durante a inauguración das xornadas, que contaron na súa sesión inaugural cos expertos da Universidade de Porto María José Magalhanes de Sousa e José Manuel Peixoto.