DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvolverase na Casa das Campás nos meses de febreiro e marzo

Ampliar as posibilidades das TIC para os docentes é o obxectivo dun novo curso centrado no uso de e-porfolios

O prazo de matrícula estará aberto ata o 31 de xaneiro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmeralda L. Castro DUVI 11/01/2010

No novo contexto do EEES, que fomenta unha aprendizaxe baseada nas competencias, a utilización das TIC é unha prioridade tanto para facilitar o traballo do profesorado coma do alumnado. Promover o seu uso é a finalidade dunha serie de accións formativas dirixidas aos docentes e programadas pola Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa a través da súa Área de Innovación Educativa, entre as que se insire o curso Deseño técnico e didáctico dun e-portfolio. O seu obxectivo é “capacitar aos docentes para integrar o uso dun e-portfolio no proceso de ensino e aprendizaxe”, como sinala Óscar Patao, colaborador desta vicerreitoría. Desenvolverase ao longo dos meses de febreiro e marzo na Aula Tecnolóxica da Casa das Campás e oferta un total de 20 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición ata o próximo 31 de xaneiro.
O e-porfolio é unha ferramenta formativa e de avaliación que ten como novidade máis característica, segundo os organizadores do curso, “o establecemento dun proceso de reflexión sobre a aprendizaxe conseguida”. A través desta actividade formativa o profesorado adquirirá as competencias técnicas e metodolóxicas precisas para a creación e uso de e-portfolios, o que lle permitirá complementar e completar as aulas co apoio de materiais virtuais. Para isto, ao longo do curso analizaranse de forma práctica as diferentes ferramentas que están a disposición dos docentes nunha plataforma de aprendizaxe virtual e que son de interese para a construción dun e-portfolio. Así mesmo, trataranse os elementos básicos que o compoñen e analizarase como establecer actividades, métodos de avaliación e procesos de reflexión sobre o ensino e a aprendizaxe nunha contorna virtual. Estas aplicacións concretas englóbanse nun obxectivo común, que é o de “favorecer o desenvolvemento dos novos roles docentes e investigadores dentro do EEES mediante Contornas Virtuais de Aprendizaxe e fomentar a sensibilidade cara aos valores propios da docencia favorecendo as actitudes cara á innovación”.
Impartirá o curso o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicaicón, José Vicente Novegil Souto, que forma parte do departamento de Estatística e Investigación Operativa. Para o desenvolvemento dos contidos empregará unha ferramenta virtual dispoñible no portal FaiTIC, que fomenta a interacción entre o alumnado, entre os profesores e dos estudantes cos docentes para intercambiar recursos educativos e opinións.

Matrícula on line e obtención do certificado

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 31 de xaneiro e pode formalizarse on line a través da plataforma Bubela da Área de Posgrao Virtual. Para solicitar máis información pódese escribir ao enderezo de correo electrónico formacion.profesorado@uvigo.es ou chamar ao teléfono 986813596. A asistencia a esta actividade formativa será certificada pola Universidade de Vigo a todas aquelas persoas inscritas que asistan, polo menos, a dez sesións completas das doce que ten o curso, e cubran uns contidos mínimos do 80% das actividades marcadas polo responsable do actividade.