DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Despois de ser elixida este martes en votación de Xunta de Centro

Ana Garriga dirixirá a Escola Superior de Enxeñaría Informática

A docente é experta no impacto das TIC nos dereitos humanos

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 02/04/2013

Ana Garriga, profesora titular de Filosofía do Dereito da Universidade de Vigo e experta no impacto das TIC nos dereitos humanos, será a nova directora da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense. A docente foi elixida este martes pola Xunta de Centro para estar ao fronte da ESEI os vindeiros tres anos. Con 34 votos a favor, tres en contra e dúas abstencións nas votacións celebradas, afronta este cargo coa idea de dar continuidade á liña de traballo desenvolvida ata a actualidade e cos obxectivos de consolidar o alumnado e as titulacións deste centro.

A Xunta de Centro, formada por todo o profesorado con vinculación permanente e representacións do persoal docente e investigador sen vinculación, do alumnado e do persoal de administración e servizos, foi a encargada de dar o si á candidatura de Ana Garriga e do seu equipo, formado por case as mesmas persoas que viñan ocupando a dirección da escola nos últimos anos. Deste xeito continuarán nos seus postos Francisco Javier Rodríguez, subdirector de Sistemas e Infraestruturas; María José Lado, subdirectora de Organización Académica, e Eva Lorenzo, subdirectora de Calidade e Adaptación ao EEES. A única variación é Arturo Méndez, que substitúe a Alma Gómez na secretaría da ESEI.

Cunha dilata traxectoria docente e investigadora e tras ocupar cargos en diferentes órganos da Universidade de Vigo, esta experta no impacto das TIC nos dereitos humanos e en lexislación sobre protección de datos e sistemas de información releva a Enrique Barreiro ao fronte do centro ourensán. Ana Garriga presentouse á dirección da ESEI despois de ser durante varios anos docente no seu Máster en Software Libre e da materia de Fundamentos éticos e xurídicos das TIC nos estudos de grao. Hoxe en día é directora do Laboratorio da Sociedade da Información e Dereitos Humanos da Universidade de Vigo. Entre os postos de xestión que ten ocupado ao longo da súa traxectoria profesional están a dirección da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo e o vicedecanato da Facultade de Dereito de Ourense durante o mandato de Pedro Rabanal.

Consolidar alumnado e titulacións

Ana Garriga asume este novo cargo salientando o seu desexo de “centrar todos os esforzos en conseguir consolidar o número de alumnos do centro e garantir a acreditación dos seus títulos”. “Quero que a escola siga funcionando tan ben como ata o de agora, sen baixar a garda porque o momento non é bo, e traballando por ter un bo ambiente de traballo para todos na ESEI”, apuntou a docente, que quixo gabar a dedicación de Enrique Barreiro á Escola Superior de Enxeñaría Informática e o traballo realizado ao longo dos seus anos de mandato.

“Sei que foi unha sorpresa que me presentara, incluso para min mesma, pero despois de meditalo moito e de ter o compromiso dos subdirectores e subdirectoras de que continuarían nos seus cargos decidín presentarme”, destacou Ana Garriga. Consciente de que a súa procedencia do eido do dereito pode supor algunha dificultade, a docente quixo facer patente á Xunta de Centro o seu compromiso “de aprender o máis rápido posible”. Destacando que o dereito e a tecnoloxía sempre tiveron unha relación moi estreita desde as súas orixes, Ana Garriga afronta esta nova etapa profesional como un reto, por acceder a un novo posto de responsabilidade pero tamén a un novo ámbito de coñecemento. Un reto que tanto ela como o seu equipo afrontan con moitas gañas e ilusión renovada, tal e como salientou Francisco Javier Rodríguez tralas votacións.