DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun encontro celebrado na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación

Ana Miranda comparte cos estudantes as aspiracións europeas do BNG

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 28/05/2009

Máis votos, máis presenza, máis tempo para traballar polo país. Esas foron as premisas que Ana Miranda, candidata do BNG ás eleccións europeas esgrimiu para que o seu partido poida volver a ter representación en Bruxelas. Nunha campaña “ausente de debate” e con “tendencia á bipolarización”, Miranda agradeceu a invitación da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación para o encontro cos estudantes e destacou que estes comicios “non importan menos que outros, porque todos elixen cousas diferentes”.
O primeiro obxectivo da nacionalista no seu coloquio foi rachar “a idea de que o BNG non vai ter representación no Parlamento, porque non é certo”. E é que, segundo explicou, o BNG, que acode a esta cita en coalición con Los Verdes-Alianza Europea (canda ERC, Aralar, Los Verdes, Eusko Alkartasuna, Chunta Aragonesista e Entesa per Mallorca), accederá a un reparto de forzas con representación dividida segundo o resultado de cada partido. Miranda comentou que o obxectivo do BNG é ofrecer “unha visión galega de Europa” con máis políticas sociais e máis relación coa mocidade. Neste punto sinalou o “bo nivel das universidades galegas” pero denunciou o feito de que moitos teñan que emigrar para traballar por “falta de tecido produtivo e cohesión social”. Ao mesmo tempo, gabou o programa Erasmus pero apostou por dotalo “de máis orzamento e unha visión máis ampla”.
Miranda, que foi responsable técnica da oficina do BNG no Parlamento Europeo e asistente parlamentar do eurodeputado nacionalista Camilo Nogueira, tamén ofreceu algunhas consideracións acerca da crise e da súa xestión desde Bruxelas. Destacou unha falla “de resposta europea común” e da existencia de dous tipos de medidas “un para sectores como a agricultura, o leite e a pesca, e outra para industrias como a automobilística ou o gasoil”. Fronte a isto, indicou que o seu partido exercerá unha “defensa global dos intereses de Galiza”.

Que pode facer un europarlamentario galego?

A pregunta está na mente de moitos e nela subxace o desapego de gran parte do electorado ante estas eleccións. Miranda non esquivou esta cuestión e sinalou que o grupo parlamentario no que se integra o BNG “ten a chave para moitas decisións que se toman no Parlamento”, do que non convén esquecer “que decide o orzamento e polo tanto, a xestión de fondos moi importantes para Galiza”. O “limbo” no que semella estar a Unión Europea, da que a xente no coñece a influenza que exerce nas súas vidas, está provocado, segundo a nacionalista, por “unha gran desinformación das autoridades ás que lles compete informar, como o Estado” e Miranda indicou que esta é a razón “de que o proxecto de Constitución europea non resulte próximo nin estimulante” para os cidadáns. “Foi máis ben un tratado férreo”, cando o que a Unión precisa é “unha Constitución verdadeira, froito do consenso e con valor social”, apuntou.

Antolín Sánchez Presedo pechará o ciclo

O vindeiro luns, día 1, ás 12.00 horas, o candidato do Partido Socialista, Antolín Sánchez Presedo reunirase cos estudantes da facultade e pechará deste xeito o ciclo de encontros cos candidatos galegos ás eleccións ao Parlamento europeo organizado pola Delegación de Alumnos e a Área de Ciencia Política e da Administración.