DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Especialista en Dereito Comunitario e Internacional, será eurodeputada a partir do 2012

Ana Miranda defende o papel de Galicia na UE para exercer un labor de incidencia política e de paradiplomacia

Ao abeiro dun relatorio pronunciado ao abeiro do módulo Jean Monet

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 11/05/2010

O 9 de maio de 1950 Robert Shuman, ministro francés de Asuntos Exteriores, pronunciou un discurso no que propuña que o carbón e o aceiro de Alemaña e Francia se someteran a unha administración conxunta. Aquela intervención, coñecida como a Declaración Shuman, marcou o primeiro paso para a formación da Unión Europea. Con todo Shuman non foi o único intelectual que pensou nunha alianza entre as distintas nacións do vello continente e así o revelou a avogada Ana Miranda, especialista en Dereito Comunitario e Internacional e vicepresidenta de Alianza Libre Europea, no relatorio que pronunciou este martes no campus xa que, segundo explicou, dous anos antes daquela data, no 1948, Castelao publicaba no exilio un artigo titulado Perante a Unión Europea que constituía unha reflexión precursora sobre a necesidade de construír un espazo político, económico e cultural compartido polas nacións e os estados europeos. A relatora, que será eurodeputada a partir do 2012, puxo este exemplo para asegurar que, na actualidade “Galicia é moi pouco coñecida Europa” e para facer fincapé na importancia de escalar posicións na Europa comunitaria sen perder os nosos trazos definitorios. “Somos galegos e estamos nun proceso de integración comunitaria pero non debemos deixar de ser galegos por iso”, declarou.
Na súa intervención a relatora fixo un percorrido polas diferentes institucións da Unión Europea ata chegar ao Parlamento, o poder lexislativo da Unión e a institución que representa directamente aos seus cidadáns. Ana Miranda subliñou a importancia que ten para Galicia estar presente alí exercendo un labor de incidencia política e de paradiplomacia, un termo que define as relacións internacionais realizadas polos gobernos rexionais ou locais co fin de promover os seus propios intereses. A relatora explicou que nos últimos tempos o Parlamento viu aumentadas as súas competencias, “unha realidade que fai que sexa moi importante ter presenza activa alí presentando iniciativas, emendas e preguntas parlamentarias”.

34 partidos que representan a 60 rexións europeas

Falou tamén Ana Miranda na súa intervención da Alianza Libre Europea, un partido político que inclúe a varias agrupacións nacionalistas que buscan unha independencia política ou algunha forma de autonomía para a súa nación ou rexión. Como vicepresidenta do colectivo a relatora explicou que, na actualidade, a formación está integrada por 34 partidos que representan a 60 rexións europeas, unha realidade que se move dun xeito paralelo á dos 27 estados membros tamén no eido lingüístico, con 60 linguas rexionais ou minorizadas fronte ás 23 linguas oficiais. A relatora falou polo miúdo desta formación política e das distintas sensibilidades que a forman porque, segundo explicou, “non é o mesmo ser nacionalista en Galicia que en Escocia, por exemplo”.
Ana Miranda exercerá como deputada no Parlamento Europeo no ano 2012 polo Bloque Nacionalista Galego pero xa está a traballar a reo para que Galicia teña unha presenza importante na institución. Miranda explicoulles tamén aos asistentes o traballo que desenvolve na actualidade a Alianza Libre Europea en coalición cos Verdes, un pacto que lles permite ter 55 deputados no Parlamento Europeo e constituír así o cuarto grupo da Eurocámara. “Na actualidade a política que se leva adiante na institución é unha política de negociación e de pactos e, nesta contorna, nós en alianza cos Verdes somos un grupo estratéxico”.

Máis fondos para o programa Erasmus

O programa Erasmus foi outra das temáticas abordadas pola relatora na súa intervención. Ana Miranda falou das bondades deste plan “xa que facilita e apoia a mobilidade académica dos estudantes e profesores universitarios”, subliñou da iniciativa “a posibilidade que lles brinda aos participantes na mesma para atopar novas oportunidades laborais” e defendeu a necesidade de máis investimento na mesma. Nas súas palabras, “o Erasmus é un programa que ten que estar dotado de fondos comunitarios e é moi importante tamén que as universidades participen activamente nel”, declarou.
O relatorio de Ana Miranda forma parte das actividades organizadas con motivo do módulo Jean Monet que se está a celebrar baixo o título xenérico de A Unión Europea e a política social coordinado pola profesora Mónica López, da área de Ciencia Política da Facultade de Ciencias da Educación. A poñente foi presentada polo profesor Antón Lois Fernández, tamén da área de Ciencia Política no transcurso dun acto ao que asistiu tamén a decana do centro, Mercedes Suárez.