DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A ex ministra de Exteriores abordou no ciclo Universium os retos da política enerxética

Ana Palacio urxe a apertura dun debate racional sobre a enerxía en España evitando “as visións de campanario”

Segundo afirmou “a nuclear non é a solución, pero non hai solución sen a nuclear non hai solución”

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría DUVI 23/04/2010

A produción de máis enerxía diminuíndo as emisións de CO2 é, segundo Ana Palacio o principal reto ao que debe facer fronte a política enerxética europea. Na súa intervención no ciclo Universium, titulada Por un novo clima para a política enerxética, a ex ministra de Asuntos Exteriores, incidiu na importancia de abrir un debate racional sobre a ecuación enerxética, sobre todo no caso de España porque “non podemos entender o desafío enerxético cunha visión de campanario”. Apoiando a súa intervención en numerosos datos sobre as fontes de enerxía ou o consumo actual e as previsións de futuro, Palacio concluíu por unha banda en que todas as enerxías son precisas afirmando que “en cada caso haberá un mix ou outro, pero agora non se pode descartar ningún”, ao que engadiu que “a enerxía nuclear non é a solución, pero non hai solución sen a nuclear”. Unha fonte de enerxía sobre a que a avogada sinalou a seguridade, os residuos e o seu almacenamento e non proliferación como elementos fundamentais que levan ao seu cuestionamento.

Todas as enerxías son necesarias

Trala presentación realizada polo reitor da Universidade de Vigo na que Alberto Gago destacou o “novo escenario enerxético ante o que nos atopamos” e gabou a capacidade da relatora para “facer fronte ao tema que planteamos cun arsenal ben nutrido”, Ana Palacio iniciou a súa intervención poñendo de manifesto o seu interese “en contribuír a un debate racional con fundamento sobre a enerxía”. Un debate que a ex ministra considera imprescindible “que non sexa de campanario” e de xeito especial no caso de España que debe ter moi en conta a ecuación enerxética desde unha perspectiva mundial, “un elemento clave para evitar o descarrilamento do proceso de globalización”, sinalou.
Palacio que destacou a importancia das cuestións medio ambientais e económicas no tema enerxético, incidiu na relación existente entre o consumo e o índice de desenvolvemento humano. Así, sinalou que no ano 2002 eran 1600 os millóns de persoas sen acceso á electricidade, una cifra que previsiblemente se reducirá a 1400 no ano 2030. Ademais, para incidir na correlación existente entre desenvolvemento e consumo, Palacio lembrou que entre 2002 e 2006 a poboación mundial medrou un 9%, mentres que o consumo enerxético creceu un 20%.
Tras sinalar que o petróleo segue a ser cun 35% a principal fonte de enerxía mundial, seguida do carbón cun 23%, o gas cun 21%, os biocombustibles cun 10% e a nuclear cun 6%, mentres que a porcentaxe restante corresponde á hidroeléctrica e renovables, Palacio concluíu que “necesitamos todas as enerxías. En cada caso concreto haberá un mix ou outro, pero agora non se pode descartar ningunha delas”.

A nuclear non é a solución, pero non hai solución sen ela

A parte da exposición que Palacio dedicou a falar da enerxía nuclear comezou coa denuncia da ex ministra sobre a existencia dun pacto de silencio entres os diferentes gobernos españois “incluído o do PP ao que pertencín”, sinalou, para non abordar unha cuestión que precisa de información e debate.
Tras lembrar que en 2008 eran 44 os reactores nucleares que se estaban a construír no mundo, Ana Palacio centrouse nas peculiaridades da enerxía nuclear como a necesidade dunha maior vixilancia ao tempo que lembrou a esixencia da existencia dun marco regulador e institucional. En canto ás cuestión que levan ao cuestionamento da enerxía nuclear a ex ministra citou a seguridade, os residuos e o seu almacenamento e a non proliferación. “España ten unhas 4000 toneladas de combustible nuclear depositadas en piscinas xunto aos reactores. Se se reciclase a situación sería distinta”, sinalou Palacio que afirmou que ata un 96% do combustible de uranio é reciclable, de xeito que se se recicla o combustible usado, redúcese o volume do desperdicio a só un 4%.
Palacio que tamén lembrou o cambio experimentado nalgúns países como Suecia ou Italia que tras tomar a decisión de saír do nuclear están agora revisando a súa postura, destacou que segundo poñen de manifesto os estudos España é un país máis antinuclear que a media europea. Aínda así o 20% da enerxía consumida no territorio nacional é de orixe nuclear, unha fonte que segundo a ministra “non é a solución, pero non hai solución sen enerxía nuclear”.

O director de Greenpeace España próximo invitado do ciclo

O ciclo Universium retomará a actividade o mércores 28 de abril co relatorio do director de Greenpeace España no que Juan López de Uralde falará sobre Cambio climático e enerxía: papel das renovables. O relatorio de López de Uralde será presentado polo subdirector xeral de Caixanova, Juan Francisco Díaz Arnau.
Ao día seguinte o catedrático de Xeoloxía da Universitat de Barcelona, Mariano Marzo falará sobre O futuro dos combustibles fósiles: retos e certezas. O ex director da Axencia Ambiental Europea, Domingo Jiménez Beltrán pechará o ciclo o día 30 cun relatorio titulado Sostibilidade e cambio climático. Escenarios con futuro.