DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A enxeñeira encárgase de facer o control da calidade do mecanizado e da superficie das pezas

Ana Teresa Pérez, egresada da ETSE de Minas: “O CERN ten un nome que impón, pero a xente é próxima e humilde”

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Noemí Rey DUVI 15/02/2012

Chegou fai un ano case por casualidade e, dende entón, non deixou de aprender nin un só minuto. Ana Teresa Pérez Fontenla (1983) é unha egresada da Universidade de Vigo que ten a fortuna de desenvolver a súa carreira profesional nos laboratorios do CERN, o Centro Europeo de Investigación Nuclear, unha organización internacional para a investigación de física de alta enerxía, berce do Gran Colisionador de Hadrones (LHC) e de gran número de premios Nobel. “Terminaba o contrato que tiña nese momento, era unha época difícil no eido laboral pola crise e a idea de ir traballar fóra de España tomou forza. En principio buscaba calquera emprego para mellorar o inglés, pero xamais pensei que tería a sorte de formar parte dun centro tan prestixioso”, asegura esta enxeñeira de Minas.

A súa primeira incursión no CERN foi en febreiro de 2011. Despois de especializarse en Materiais e traballar no Departamento de Produción do Centro de Informática de Novacaixagalicia e como técnico láser en AIMEN, decidiu seguir formándose tendo en conta o axustado panorama laboral ao que se enfrontaba. Foi esa matrícula no Máster en Ciencia e Tecnoloxía de Polímeros da UNED a que lle deu sen querer a carta de entrada no CERN. A través dunha amiga “á que sempre lle estarei agradecida” soubo que o centro estaba a buscar con urxencia un enxeñeiro de Materiais que puidera ser contratado como estudante durante seis meses. Así que marchou do seu Poio natal a Suiza para traballar no departamento de Metalurxia e Metroloxía “con procedementos e equipos cos que xa tivera contacto na ETS de Minas. Aquí aprendín moito sobre todo de microscopía electrónica, algo fundamental para o meu traballo”.

Nese intervalo de tempo, a Universidade de Vigo asinou un convenio de colaboración coa institución para recrutar enxeñeiros vigueses para construír o prototipo do que será o primeiro acelerador compacto de partículas de terceira xeración. E alí estará ela. Dende novembro é persoal asociado ao proxecto coñecido como CLIC, no que é unha das encargadas de facer o control da calidade do mecanizado e da calidade xeral da superficie das pezas antes e despois de operar, coas ferramentas e ensaios postos a súa disposición. “Facemos o estudo de pezas e estruturas que van cumprir funcións moi importantes no prototipo final, con tolerancias xeométricas de apenas micras e rigorosidade superficial da orde de nanómetros”, explica a investigadora.

“Sexa por traballo, por prácticas ou como estudante, ir fóra enriquece”

A súa experiencia laboral está nutrida de “supervisores atentos e compañeiros pacientes” sempre dispostos a axudar, dos que aprendeu moito e cos que compartiu bos ratos. Facendo balance do seu ano no CERN, Ana considera a experiencia "moi positiva”. “Non fago máis que aconsellarlle aos meus amigos que o intenten. É unha grande oportunidade para mergullarte noutra cultura e aprender outras formas de facer as cousas. Xa sexa nun traballo, nunhas prácticas ou incluso cun Erasmus como estudante, ir fóra enriquece”, recoñece.

Unha viaxe polo centro da investigación de alto rendemento que esta enxeñeira recomenda a calquera con gañas de completar os seus coñecementos coa ampla variedade de actividades formativas que organiza o CERN. O significado destas siglas non deben botar para atrás a ninguén. “O CERN ten un nome que impón, sobre todo cando pensas nos premios Nobel e nos grandes proxectos que ten en marcha, como o LHC. Sen embargo, cando chegas aquí atopas a xente moi próxima e humilde”, explica a investigadora. “Para min supuxo unha oportunidade única de estar nun ambiente internacional traballando dentro da miña área e de aprender de xente moi experimentada, ademais da satisfacción persoal de colaborar nun proxecto tan importante”.

Non perdas de ollo a páxina web

O primeiro que se aprende é a defenderse nun dos dous idiomas oficiais do CERN, o inglés e o francés, senón os laboratorios serían unha verdadeira torre de Babel: unhas 20.000 persoas traballan para esta institución en Xenebra ou dende diferentes países. España non ía ser unha excepción: o ano pasado só no Departamento de Enxeñaría no que está esta egresada o 4% do persoal era español. Neste centro con multitude de departamentos e “oportunidades” hai unha gran variedade de contratos e vacantes que publican cada día na súa páxina web. “A clave é ser constante á hora de participar nos procesos de selección e estar aberto a aprender cousas novas e adaptarse á contorna, como en calquera traballo”, subliña Ana.

Ela, mentres, afronta o futuro coa incerteza de se poderá volver a España. Tras rematar a carreira en 2009 con moitas gañas “de ter os meus propios cartos e de comprobar para que servira tanto estudo”, esta enxeñeira de Minas viu como toda a súa motivación non sempre se traducía nunha oportunidade que chegaba en forma de contrato laboral, “senón que podes pasar anos de bolseiro, en prácticas, con contratos precarios ou mesmo no paro”. Por iso, aínda que a súa intención é volver nun par de anos con experiencia, idiomas e currículo, non lle importaría “seguir fóra se atopo unha boa oferta, xa que hoxe en día en España todo o esforzo dedicado para obter un título non sempre vai recompensado co posto que esperabas”.