DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor norteamericano Michael Baum impartiu unha conferencia en CCSS e da Comunicación

Unha análise da democracia estadounidense a través do "filtro dos poderes económicos"

Sinala ao poder das empresas privadas como a causa de que certas temáticas non entren no discurso po

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI 02/06/2014

“Na política estadounidense, o diñeiro xoga un papel case que impensable nun país europeo”, sinala o profesor da Universidade de Massachusetts Michael Baum, que nesta xornada acudiu ata a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación para afondar nas peculiaridades dun sistema político que a algúns dos seus compatriotas “gústalles dicir que é a mellor democracia no mundo”. Non obstante, para Baum a política no seu país está “obviamente corrompida polo diñeiro privado”, que pese a non ser determinante á hora de definir cal será o candidato gañador si o é, ao seu xuízo, no relativo a decidir que cuestións entran ou non na axenda política.

O co-director do Grupo de Estudos Ibéricos da Universidade de Harvard e administrador da Fundación Luso-Americana para o Desenvolvemento lamentou no seu relatorio a influencia que os poderes económicos teñen na vida política do seu país, acentuado polo feito de que “o Tribunal Supremo afirmase que as corporacións, como as persoas, teñen dereito a participar na política activa”, algo que, ao seu xuízo, resulta “impensable no contexto europeo”. Mais Baum tamén destacou que non existe constancia de que o poder das empresas resulte “determinante na elección dun candidato e outro”. O que si entende é que "os poderes económicos son un filtro que non permite que certas ideas entren no discurso político” e promoven que a democracia norteamericana se teña convertido “nun sistema pechado a dous grandes partidos, que non permite terceiras voces”.

Só importan os indecisos

O que fora durante 9 anos director do Departamento de Ciencias Políticas da Universidade de Massachusetts Darmouth foi presentado neste acto polo profesor Alberto Pena, coordinador xunto do decano en funcións, Celso Cancela, dunha conferencia presentada como “transversal”. Así a definiu o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, que incidiu no valor que tiña un relatorio “orientado ao ámbito da ciencia política pero que tamén é de moito interese para os que estudan comunicación política”. Esta dobre vertente motivou que Baum iniciase a súa intervención tratando de explicar o funcionamento “dunha das poucas democracias que teñen eleccións presidencias non directas”. Isto levouno a afondar na figura do Colexio Electoral, que integran as 538 persoas que teñen oficialmente a responsabilidade de elixir presidente ou presidenta e que outorgan “unha representación desproporcionada aos estados pequenos”.

Como explicou Baum, cada un dos 50 estados dos EEUU conta cun número determinado de representantes neste Colexio Electoral, que son aos que realmente votan os electores, e o feito de que a lista máis votada sexa a que consiga todos os representantes en xogo en cada estado provoca “que poida ser presidente un candidato con menos votos que o seu rival”, como lle aconteceu a Al Gore nos comicios do ano 2000, nos que obtivo maior número de votos que George Bush. Mais esta fórmula na que “o gañador lévase todo” tamén provoca outra consecuencia, que “as únicas persoas que realmente contan son as indecisas”. Como explica Baum, “o 95% dos estados non teñen interese” nas eleccións presidenciais, dado que se considera clara a vitoria dun ou doutro partido. Por iso toda a actividade se centra naqueles nos que os resultados entre demócratas e republicanos son igualados e, dentro destes, naquelas persoas que puideran non ter definido o seu voto.

Unha reforma para dar voz a terceiros

“O máis positivo da democracia americana son as ideas da sociedade civil que non está satisfeita”, defendeu Baum, que define o sistema político do seu país como “un bipartidismo puro e duro, no que as compañías inflúen dun xeito máis obvio que en calquera outro país”. A este respecto, puxo como exemplo as propostas formuladas para que os representantes no Colexio Electoral se repartan en función ao número de votos en cada estado, o que “permitiría unha maior proporcionalidade e a entrada de terceiros partidos”.