DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As xemelgas Vanesa e Verónica Miranda defenderon as súas teses de doutoramento en BBAA

Análise do idéntico e do oposto para construír desde a arte unha identidade dual

Partindo da súa experiencia persoal, afondaron nas súas investigacións na figura dos xemelgos na art

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 12/06/2015

Compartiron útero materno, creceron xuntas e mesmo se formaron xuntas na Facultade de Belas Artes. Unha década despois de converterse en egresadas, as xemelgas Vanesa e Verónica Miranda retornaron este venres á facultade do campus pontevedrés para defender, compartindo desta volta tribunal, dúas teses de doutoramento que supuñan tamén dous achegamentos á idea dunha “identidade dual” na arte. Partindo Vanesa do semellante e Verónica dos espíritos contrarios, estas irmás asturianas chegaron nas súas investigacións a unha conclusión común, “que as xemelgas, grazas a esa dobre identidade, somos capaces de entender e plasmar nas nosas creacións artísticas tanto a unión de opostos como de idénticos”.

Nese senso, as dúas investigadoras inciden que as dúas teses “teñen as súas raíces na experiencia artística e na nosa realidade persoal”. Non en van, ambas comprobaron na súa etapa como estudantes de Belas Artes que, “aínda que pretenderamos realizar os traballos de maneira distinta, sempre os identificaban como os dun único suxeito, nosoutras”, o que as rematou levando a realizar os seus proxectos de forma conxunta, “xa que descubrimos que o que funcionaba en nós era complementariedade”, como relata Verónica.

Parecía claro logo que as súas teses de doutoramento non podían permanecer alleas a súa propia experiencia como artistas e xemelgas. “Dese pequena, sempre me interesou esa proximidade que tiña coa miña xemelga, e na arte tiña que haber xente que sentise o mesmo ca min, esa experiencia de ter un xemelgo e como representalo na arte”, salienta Vanesa, que, co profesor José Chavete como director da súa investigación, converteuse este venres en doutora tras defender a súa tese O misterioso mundo dos dobres. Fíxoo diante dun tribunal composto polo catedrático da Universidade de Granada Pedro Osakar, a profesora da Universidade Francisco de Vitoria Isabel Castro e a docente da Facultade de Belas Artes Anne Heyvaert; un tribunal ao que, acto seguido, correspondeulle tamén avaliar o proxecto O espírito dual. O feito artístico desde unha mirada xemelar, que Verónica Miranda realizou co profesor Antonio Bandera como director.

Do idéntico ao oposto

Na súa tese, Vanesa Miranda defende a dualidade “como a unión de idénticos”, motivo polo que abordou, desde diferentes ámbitos, o concepto do dobre como “unha idea que se esconde en cada un de nós e no espírito da obra artística”. De aí que a súa investigación afonde na “complicidade e complementariedade dos xemelgos na arte” a través do estudo de casos como os de Jane e Louise Wilson, Josep e Ramón Moscardó, Fernando e Vicente Roscubas e ela mesma e a súa irmá.

Pola contra, Verónica partiu na súa investigación da “necesidade de atopar ao outro co que complementarse aínda que sexa distinto”. De aí que a súa tese se centre na “unión do contrario”, para demostrar que “un espírito dual é capaz de plasmar na mesma obra a identidade de persoas distintas que se complementan”, pero tamén, para analizar a súa incidencia na arte nos casos de “persoas capaces de proxectar o seu eu interior e plasmar unha dobre identidade nunha mesma realidade artística”. De aí que a análise que realizou da busca do dobre na literatura, o cine e a arte non se limitase a estudar casos de xemelgos como Josep e Pere Santilaria ou Manuel Pedro e Miguel Pablo Rosado, senón tamén o de aqueles “artistas que buscan o seu xemelgo”, como serían, ao seu xuízo, Jean Baudrillard, Jorge Luis Borges ou Francisco Ruiz de Infante.

Dúas teses que medraron por separado e remataron no mesmo lugar

“Todos temos un dobre, un outro eu, pero comprobamos nas investigacións paralelas que só a condición de compartir o útero materno fai que o espírito dual naza do misterioso mundo dos dobres”, sinala Verónica Miranda aludindo ao título de dúas investigacións que estas irmás entenden complementarias. De feito, cando iniciaron a súa investigación, “xa sabíamos cunha mirada o que escolleríamos cada unha”, admite Vanesa.

Pero, desde entón, as investigacións desenvolvéronse por camiños separados. “Foron traballos totalmente illados e, de feito, ata que os nosos titores non nos deron o visto bo, non limos a tese da outra, xa que queríamos influenciarnos o menos posible”, engade Verónica, que incide en que, unha vez rematadas, “chegamos á conclusión de que ambas teses se complementan”. Non en van, “as obras de arte dos xemelgos, ao igual que as nosas teses, están creadas baixo o feitizo do espírito dual, é dicir, baixo o feitizo tanto dunha identidade tanto individual como compartida”.