DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Salustiano Mato recibiu ao voceiro do PP no Concello de Pontevedra, Telmo Martín

Análise e optimización de recursos para potenciar a I+D do campus

Coincidiron na necesidade de reforzar as titulacións e acometer o Edificio das Artes

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 10/11/2010

Coa finalidade de potenciar a I+D no campus de Pontevedra a Universidade de Vigo está a analizar as necesidades concretas tanto no relativo a implantación de centros específicos como de apoio aos investigadores. “Trátase de realizar unha análise e optimizando recursos atender as necesidades dos investigadores coas infraestruturas que temos e con outras novas”, explicou Salustiano Mato trala reunión mantida hoxe na Reitoría co voceiro do grupo municipal do Partido Popular do Concello de Pontevedra, Telmo Martín. Un encontro no que Mato e Martín manifestaron a súa disposición a colaborar para reforzar a relación entre a cidade e a Universidade que o voceiro popular considera debe mellorar “xa que viven de costas” e o reitor afirma “debe intensificarse para que a Universidade poda vivir máis en Pontevedra e para Pontevedra”.

A potenciación das titulacións que se ofertan no campus pontevedrés e o Edificio das Artes, foron outras cuestións que Mato e Martín abordaron no seu primeiro encontro no que o voceiro do PP tamén lle trasladou a o reitor a súa proposta para desenvolver un Centro Científico e Tecnolóxico que a institución académica viguesa estudará. Sobre o Edificio das Artes o reitor e o voceiro do PP coincidiron na necesidade de que se desenvolva o proxecto arquitectónico que permita dotar á Facultade de Belas Artes de novas dependencias ao tempo que Martín na súa calidade de candidato do PP ao Concello de Pontevedra avanzou que “se os pontevedreses me dan a súa confianza loitaremos para que os terreos de Tafisa sexan para equipamentos públicos relacionados coa educación”. Unha proposta sobre a que Salustiano Mato dixo “estar encantado de que haxa accións que poidan ter relación con nós, sempre e cando se respecten as nosas necesidades que están recollidas no proxecto arquitectónico”, dixo.

Desenvolver todo o potencial do campus pontevedrés

Coa finalidade de acadar unha maior visibilidade e que “os cidadáns de Pontevedra sintan o noso alento”, Salustiano Mato fixou a potenciación da I+D do campus pontevedrés como un obxectivo prioritario para o que a partir dunha análise que xa se está a realizar definir as necesidades tanto no que respecta aos centros de investigación específicos como apoio aos investigadores coas infraestruturas actualmente existentes como con outras de nova creación.

En relación coas actuacións previstas o reitor referiuse á ampliación da EU de Fisioterapia coa construción dun laboratorio dedicado á investigación e á docencia que tamén “cunha vertente asistencial”, explicou o reitor. As infraestruturas deportivas que permitan desenvolver as necesidades propias neste ámbito e outras específicas centradas na investigación e na innovación ligadas ao eixo da comunicación, foron outras actuacións apuntadas polo reitor.