DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cunha mesa redonda con Afonso Becerra, Mónica Bar e Gustavo Pernas

Unha análise do panorama da arte dramática en Galicia baixa o pano do Ciclo de Escritores na Universidade

Os asistentes coincidiron en definir a profesión teatral como "un acto de resistencia e rebeldía"

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 03/12/2009

Cunha análise do panorama presente e da perspectiva histórica da arte dramática en Galicia baixouse o pano do Ciclo de Escritores na Universidade deste curso. Nas últimas semanas, grazas a esta iniciativa e coa colaboración da Asociación de Escritores en Lingua Galega, a Facultade de Filoloxía e Tradución ofreceu un percorrido polo panorama literario do país nas súas diversas manifestacións. Esta última mesa redonda contou coa presenza dos dramaturgos, directores e actores Afonso Becerra, Mónica Bar e Gustavo Pernas, que coincidiron nunha visión da profesión teatral como “un verdadeiro acto de resistencia”.

Compromiso e revolución

Mónica Bar, que asistiu no lugar de Quico Cadaval, e Gustavo Pernas debuxaron o panorama do teatro galego aló polos “floridos anos 80”, a época de maior efervescencia dramática en Galicia e na que eles comezaron e se formaron nesta profesión, que definiron como “un compromiso coa realidade, unha maneira de facer política, un xeito de revolución”. Enriba da mesa, temas primordiais e aínda actuais como a profesionalización do teatro, o papel da muller ou a importancia das subvencións. A actriz Mónica Bar perfilou unha foto fixa do que era o teatro en Vigo trinta anos atras “con salas como a Carral, nunha cidade na que comezaron a formarse grandísimos profesionais como Morris, na que xurdiu a compañía A Farándula da que saíron Avelino González ou Cándido Pazó e na que o teatro era compromiso político, compromiso con Galicia, coa esquerda e co nacionalismo, sobre todo nas aulas universitarias”. Pero para bar, este compromiso revolucionario, “no que todos facíamos un pouco de todo, dende cargar a furgoneta ata actuar”, non se vía no campo da muller. Segundo a actriz, o teatro adoecía de papeis femininos e, por conseguinte, de actrices, algo fronte ao que sempre estivo comprometida.
Pero tanto para ela como para Gustavo Pernas, o punto de inflexión foi a creación do Centro Dramático Galego en 1984, que supuxo o comezo da profesionalización do teatro. Esa “ruptura da harmonía do teatro independente”, en palabras de Bar, representou un cambio profundo, no que as subvencións públicas acadaron unha importancia capital. Para Pernas, en 1984 “as rúas fervían e o teatro é a representación da sociedade; nese ano sube ao poder o PSOE e a representación déixase en mans dos políticos, as rúas arrefríanse e, no teatro, pérdese a paixón, o espírito de compartir”. Pero non todo foi negativo porque, segundo Gustavo Pernas, “o acceso a orzamentos públicos permitiu mellorar, por exemplo, en escenografía e pensar en poder vivir da profesión; foi un salto cualitativo e estimulante, escribir obras que sabes que vas poder levar á escena”.

Que pasa se o texto morre?

Gustavo Pernas, amais de actor e director é dramaturgo e, dende esta perspectiva de escritor, fixo un chamamento á perdurabilidade dos textos das obras. “O texto e o espectáculo son os dous destinos do teatro”, o espectáculo é efémero pero “non podemos permitir que o texto sexa tamén combustible” e demandou unha maior implicación das editoriais para publicar textos dramáticos e máis interese por parte do público, ao tempo que destacou a importancia deste tipo de iniciativas que permiten falar na Universidade deste tipo de textos. “Que pasaría se non quedasen os textos, se foran perecedoiros coma no cine?”.

Máscaras e rostros, personaxe e realidade

Afonso Becerra, escritor, actor e profesor na Escola Superior de Arte Dramática, pertence a outra xeración do teatro, “nos oitenta era un cativo, polo que a miña achega a este debate vai por outros camiños: as máscaras e os rostros”. Becerra, que estrea a obra Neuras o 21 de maio no Centro Cultural Caixanova, fixo un percorrido teórico e histórico da contraposición máscara/rostro, “a máscara é o personaxe e o rostro a persoa; o teatro é o espello que nos permite afondar en nós”, explicou. Dende o teatro clásico de máscaras, Becerra fixo un percorrido pola evolución deste xénero a través da historia ata as performance e os happening dende unha perspectiva ritual do teatro como festa, como arte vital, colectiva e de grupo, como un “laboratorio para ver como somos”.