DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Destacados profesionais e académicos participaron nesta iniciativa do Instituto Xurídico Académico e

A análise das reformas lexislativas pecha as xornadas 'Pensar o Dereito'

As solucións xudiciais a problemas sociais centraron estes encontros

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 10/06/2011
A perda da credibilidade e da confianza do cidadán, unha organización caduca, tecnoloxía antiga ou certa desmoralización profesional en avogados e xuíces por non poder desenvolver o seu traballo axeitadamente. Estes son algúns dos problemas e retos cos que se enfronta a administración de xustiza e os seus profesionais e cuxa análise abordaron este xoves as xornadas Pensar o Dereito. Solucións xudiciais a problemas sociais, organizadas polo Instituto Xurídico Académico e Social Ourensán coa colaboración da Vicerreitoría do Campus de Ourense e o Consello Social da Universidade de Vigo.

Na sesión, que tivo lugar no Ateneo de Ourense baixo o título A Administración de Xustiza despois das últimas reformas lexislativas, participaron Emilio Atrio, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo; Miguel Ángel Cadenas, presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia; Manuel Almenar, vogal do Consejo General del Poder Judicial; Antonio Piña, maxistrado-xuíz decano de Ourense, e Arturo González, decano do Colexio de Avogados de Ourense.

Con esta mesa redonda pecháronse unhas xornadas dirixidas por Antonio Piña e o avogado Iago Fariñas e deseñadas para afondar en cuestións de actualidade e preocupación social, temas de grande interese xurídico e académico como a argumentación literaria, a proba científica, a reforma xudicial ou a responsabilidade patrimonial médica. As xornadas estiveron repartidas en 5 sesións que se celebraron entre o 4 de maio ao 9 de xuño e contaron coa participación dos catedráticos Marina Gascón, Manuel Atienza e Darío Villanueva. Como representantes do ámbito xurídico estiveron Miguel Ángel Cadenas, presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia; Manuel Almenar, vogal do Consejo General del Poder Judicial; Antonio Piña, maxistrado-decano de Ourense; Arturo González, decano do Colexio de Avogados de Ourense; Juan Carlos Trillo, maxistrado do Tribunal Supremo, e José Antonio Ballestero, maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Un destacado panel de relatores e conferencias co que os seus organizadores agardan ter contribuído desde o ámbito xurídico a unha sociedade plural e servir de foro de discusión, formación e proxección da vida xurídica ourensá.