DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A dificultade do percorrido é media-alta

Unha andaina ata San Pedro de Rocas dará a coñecer un pouco máis da Ribeira Sacra

As rutas culturais despídense ata o novo ano

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Noelia V. Vilanova DUVI 11/12/2008

As Rutas Culturais despídense ata o próximo ano cunha andaina que rematará en San Pedro de Rocas, lugar que a pesar de non atoparse á beira do Sil forma parte da Ribeira Sacra. O percorrido, que levará aos camiñantes a coñecer Pereiro de Aguiar, Cortiñas, o Castro, Boeiro e Covas, rematará no Mosteiro de San Pedro de Rocas, o máis antigo de Galicia. Para José García-Calvo, organizador das andainas, “esta é unha ruta moi bonita e que procura achegar o máximo posible á natureza, evitando os traxectos pola estrada”.
A distancia do percorrido é de 18 quilómetros e a dificultade, “por primeira vez desde que comezaron as rutas, é media-alta”, indicou García-Calvo, así que os participantes deberán ir preparados para facer un esforzo maior que en anteriores ocasións. Sen embargo a recompensa está asegurada, “unha paisaxe salpicada de rocas e con vizosa vexetación autóctona acompañaranos durante o camiño”, describiu o organizador. O regreso aos campus correspondentes será ao redor das 16.00 horas.
Ao igual que nas anteriores saídas, os participantes deberán levar a súa propia comida e unha pequena mochila na que meter chuvasqueiro, paraugas, calcetíns de reposto, navalla e unha cantimplora ou similar. Hai que dicir que “xa se nota o inicio dos exames” polo que “o número de inscritos é tan só de 55, 25 persoas menos que na anterior ruta”, dixo García-Calvo.

Ano novo, ruta nova

Os amantes da aventura terán que agardar ata o 10 de xaneiro para poder gozar dunha nova andaina. Nesta ocasión, a ruta do Ribeiro levará aos participantes dende Leiro ata Ribadavia. O percorrido, de 18 quilómetros, posúe unha dificultade baixa, para adaptarse progresivamente tras as vacacións de Nadal ao ritmo habitual das camiñadas. Ademais da paisaxe e a natureza, esta ruta ten un valor engadido, xa que ao remate da andaina realizarase unha cata de viños en Ribadavia.