DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolle unha mostra da traxectoria da 'Revista Galega de Pensamento Feminista'

Unha andaina que dura xa 30 anos en defensa da muller e da igualdade

A presentación enmárcase dentro dos actos do Día Internacional da Muller

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 07/03/2013

Comezou no ano 1983 con seis follas impresas a unha tinta e algúns exemplares grampados para distribuír. Hoxe é a revista feminista galega viva máis antiga, que loita por saír adiante en tempos de crise económica e de militancias ideolóxicas. Trátase de Andaina, Revista Galega de Pensamento Feminista, unha publicación que este xoves presentou o seu último número, o 61-62, no campus de Ourense. Desde agora e ata finais de mes, e dentro dos actos de conmemoración do Día Internacional da Muller, a Biblioteca central acolle unha exposición que ilustra as tres décadas de activismo desta cabeceira.

A inauguración da mostra, que está situada na entrada da Biblioteca, contou coa participación de María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Ana Arellano, directora da revista; Patricia Arias, do consello de redacción da publicación; e das docentes da Universidade de Vigo Purificación Mayobre e Anna Amorós. “Para nós é un orgullo acoller esta exposición. Andaina é unha revista histórica para o feminismo galego e é moi importante que o alumnado deste campus visibilice a súa existencia, a súa traxectoria e o seu magnífico traballo”, salientou María Lameiras durante a presentación.

A exposición, que estará no campus durante tres semanas, está formada pola reprodución dunha selección de portadas representativa do que foron tres décadas de publicación, desde as primeiras portadas a unha tinta ata a última, a número 61-62, recentemente editada con 400 exemplares. Tamén se poden ver en dúas vitrinas exemplares en papel de todos os números da cabeceira, que cada ano publicou unha media de tres e que en 1991 cambiou o seu deseño polo actual formato.

Afectiva, plural e arriscada

Andaina sempre foi unha voz algo distinta, con matices, que sempre traballou por difundir e animar o debate arredor das posicións e teorías feministas, denunciando as situacións de discriminación e violencia e dándolle voz ás verdadeiras protagonistas”, destacou Ana Arellano. Deste xeito, explicou, ao longo dos anos foron tratando nas súas páxinas temas como a feminización da pobreza, a prostitución, a sexualidade, a desigualdade no reparto do poder, a dobre xornada laboral da muller, a precarización do emprego feminino e un longo etcétera de temas nos que, subliñou, non sempre foron coa posición feminista máis estendida.

“Ollando este trinta anos de revista, unha das cousas máis importantes que destacaría é a valentía das mulleres que a sacaron adiante sen dedicarse a elo profesionalmente e a valentía dos temas tratados”, comentou Patricia Arias. Son moitas as mans, destacou, que sostiveron a publicación ao longo da súa traxectoria e as que o fan agora, cando loita por sobrevivir a pesar da crise económica. “Andaina é unha cousa moi bonita e moi afectiva”, afirmou. Unha descrición compartida por Anna Amorós, que leva 16 anos colaborando con cabeceira, e por Purificación Mayobre, que quixo destacar “a pluralidade da revista, a súa voz nada canónica” e o éxito que supón sobrevivir 30 anos sen axudas nin subvencións, só grazas á militancia feminista.