DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O sábado 26 de xaneiro realizarase unha ruta cultural pola serra do Faro

As andainas universitarias comezan o seu ciclo de montaña

A inscrición está aberta a membros da comunidade universitaria e á cidadanía en xeral

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI Ourense 22/01/2019

Despois de arrancar 2019 cun percorrido o 12 de xaneiro ao carón do mar, concretamente pola Guarda, a programación de rutas culturais da Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo dá un xiro nas súas propostas e comeza o seu ciclo de montaña. Será o día 26 de xaneiro, cunha andaina pola serra do Faro, en Lugo.

Cunha dificultade media-alta e 18 quilómetros de traxecto, a andaina sairá en Penasillás, que forma parte do Camiño de Inverno a Santiago de Compostela, e rematará cunha visita guiada polo mosteiro de Santa María de Oseira. A ruta, comenta José García-Calvo, Willy, coordinador dos roteiros universitarios desde o campus de Ourense, caracterizarase “por ser unha marcha heteroxénea e moi bonita pero dura”. Así, apunta, os seus seis primeiros quilómetros serán dunha forte pendente de subida, sendo o descenso igualmente dificultoso.

“Será a primeira ruta de montaña e notarase moito con respecto ás cinco primeiras andainas”, comenta García-Calvo. Esa dureza, apunta o coordinador dos roteiros universitarios, verase compensada pola paisaxe sobre as provincias de Lugo e Ourense que terán as e os participantes no cumio do monte, pola beleza do percorrido e pola visita ao Mosteiro de Oseira. A andaina terá ademais o interese engadido de que seguirá parte da viaxe que fixeron Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ben Cho Sei a San Andrés de Teixido.

Inscrición aberta

A inscrición realízase en liña. Os membros da comunidade universitaria poden facela desde 15 días antes da ruta e ata o xoves anterior á andaina. As persoas alleas á comunidade universitaria poden inscribirse entre o martes e o xoves antes da ruta. O prezo varía en función do tipo de usuario ou usuaria, oscilando por exemplo entre os 8 euros por ruta co Abono Muver ata os 20 euros para persoas externas á comunidade universitaria. Cada andaina realizada recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración ao alumnado universitario. Haberá autobuses para trasladar ás e aos participantes ao inicio de cada ruta dende os tres campus da Universidade de Vigo.