DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O escritor abriu na Vicerreitoría do campus o ciclo '6 días, 6 poetas'

Andrés Trapiello: “A poesía sobrevive como pode nunha realidade que a mira con indiferenza” 

Seis escritores e escritoras participan ata o sábado nestas xornadas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 11/03/2019

Distincións como o Premio Nacional da Crítica, o Premio Internacional de Novela Plaza & Janés, o Premio Nadal e os premios das letras da Comunidad de Madrid e de Castilla y León avalan a extensa traxectoria literaria de Andrés Trapiello, encargado na tarde deste luns de pór inicio á segunda edición de 6 días, 6 poetas, un ciclo promovido pola Vicerreitoría do campus co propósito de achegar a cidadanía a un xénero literario que, como salienta Trapiello, “está en todas partes da vida”. Nese senso, Trapiello compara este xénero literario coa “auga na natureza”, sen a que, aínda que sexa “en pequenas doses, a vida non sería posible”. Non obstante, Trapiello tamén recoñece que se trata dun xénero literario que “sobrevive como pode nunha realidade que a mira con indiferenza, cando non con desconfianza ou hostilidade”; un xénero que, sinalou na súa intervención na sede da Vicerreitoría, ten a súa “pedra de toque” na emoción, en xerar nos lectores emocións “que nos van facendo mellores, ensinándonos cousas de nós mesmos que non coñecíamos e do mundo”.

Trala apertura deste ciclo por parte do director da Área de Cultura, Educativa e de Integración do campus, Manuel Morquecho, quen agradeceu a “colaboración desinteresada” do poeta Miguel d´Ors para dar forma a un ciclo “que nos permite gozar do mellor da poesía española”, o columnista Ramón Rozas foi o encargado de trazar un breve percorrido pola traxectoria literaria deste peta, novelista, ensaísta, articulista e editor. Desde Junto al auga (La Ventura, 1980), ata Segunda oscuridad (Pre-textos, 2012), máis de tres décadas e 14 libros definen a traxectoria poética de Trapiello, que en 1993 obtivo o Premio Nacional da Crítica por Acaso una verdad e para o que “a poesía é fundamental na súa obra”, como salientou Rozas, quen destacou a obra lírica do escritor leonés residente en Madrid como “unha das máis singulares e máis compactas da poesía que se fai en España”. 

O libro é o mesmo, cambia o lector

Tras recoñecer que é un escritor “que xeralmente non le os seus poemas” en público, Trapiello deu lectura na Casa das Campás a unha selección de textos procedentes na súa meirande parte do seu poemario máis recente, xunto con varios poemas inéditos. Previamente, o autor reflexionou sobre o momento que atravesa un xénero literario, así como sobre a súa propia condición de poeta. “A poesía é o máis importante que fago, escribo todos os días, pero a poesía preséntase de maneira moi estraña”, apuntou Trapiello, quen incidiu en que “realmente o tema da poesía é a espera”, antes de afirmar en que, ao igual que acontece cos seus diarios, “escribín sempre o mesmo libro”. Nese senso, Trapiello sostivo que na súa obra poética “o impulso, a mirada e a maneira de escribilos son os mesmos desde hai 40 anos”, pero o que muda son os lectores e lectoras aos que os versos poden xerar esa emoción. 

 “A poesía é arroxar luz sobre as partes máis estrañas e misteriosas, sen destruír o seu misterio”, sostén Trapiello dun xénero sen o que “todo acabaría murchando e escurecendo” e que, engade, “sobrevive como pode nunha realidade que a mira con indiferenza”. Por iso, sostén, “os poetas se comportan a miúdo como seres extraños e inadaptados” algo que, recoñece, “non forma parte da súa natureza”, senón que constitúe “a maneira que teñen de sobrevivir mentres gardan ese lume sagrado, como Prometeo”. Nese senso, Trapiello incide que os e as poetas poden dirixir a súa ollada cara “asuntos sublimes, como Dante ou Shakespeare”, do mesmo xeito que ollan cara “cousas pequenas e insignificantes, como Leopardi ou Dickinson”; mais a importancia, engade, “non está nunca naquilo que miran ou lles preocupa e lles chama a atención, senón na súa propia mirada, na súa maneira persoal de ver o mundo”.

Cinco días e cinco poetas por diante

Trala sesión deste luns, o ciclo 6 días, 6 poetas continúa desenvolvéndose con catro sesións máis, ás 20.00 horas, nas tardes de martes a venres, e un último encontro, o sábado 16, ás 12.00 horas. A súa seguinte protagonista será a valenciana Susana Benet, autora dunha decena de libros de poesía e considerada unhas das principais autoras de haikus en lingua castelá. O poeta e profesor Miguel d´Ors será o encargado de introducir a Benet mentres que o mércores, a profesora do IES Valle-Inclán Fátima Cobas presentará á andaluza Pilar Pardo, gañadora do Premio Nacional de Poesía Florentino Pérez-Embid O xoves 14 visitará a Vicerreitoría o leonés Antonio Manilla, un poeta recoñecido, entre outros cos premios Emilio Prados, José de Espronceda, Villa de Benasque e Ciudad de Salamanca, quen será presentado polo profesor Fernando Romo. O venres 15, o presidente do Ateneo, Xaime Toxo, presentará ao escritor vasco Gabriel Insausti, que ademais ser finalista do Premio Nacional de Literatura en 2002, foi recoñecido con premios como o Gerardo Diego, Arcipreste de Hita e Manuel Alcántara de poesía. Xa o sábado, pechará este ciclo o poeta e xornalista asturiano Javier Almuzara, quen será presentado polo catedrático de literatura española da Universidade de Vigo José Montero Reguera.