DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A implantación será gradual e convivirá co plan vixente ata a súa extinción

A ANECA aproba o Grao Enxeñaría Forestal

Establécese un curso ponte para os que queiran homologar o seu título

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmerlada L. Castro DUVI 02/07/2010

A Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación (ANECA) vén remitir o informe favorable para a implantación do Grao de Enxeñaría Forestal, que substitúe ao primeiro ciclo existente ata a actualidade e que comezará a impartirse no vindeiro curso 2010-11. Complétase así a adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior de todas as titulacións do campus, xunto co Grao de Enxeñaría Mecánica e o Grao de Enfermaría, que comezarán tamén a impartirse en setembro e que pertencen, respectivamente, ao Centro Universitario da Defensa e á Escola Universitaria de Enfermaría, ambos centros adscritos á Universidade de Vigo.

O director da escola Luis Ortiz valora moi positivamente este visto bo da ANECA, que lles permitirá á fin levar o cambio adiante. “As enxeñarías teñen competencias exclusivas recoñecidas legalmente mesmo por leis orgánicas e isto fai que o proceso sexa máis lento e que sexamos os últimos a nivel estatal”, explica. Con todo, subliña que a aprobación chega xusto a tempo para comezar co primeiro curso do grao no próximo ano académico, pois asegura que as programacións e o plans curriculares xa están completamente deseñados.

50 prazas e dúas especialidades

A nova titulación de Enxeñaría Forestal, impartida mediante o sistema de créditos ECTS e para a que se ofertan 50 prazas en primeiro, terá unha duración de 4 anos e 240 créditos de carga lectiva. A carreira constará de dúas especialidades nas ramas de Industrias Forestais, que xa se viña impartindo desde o ano 1990, e de Explotacións Forestais, que é de nova creación. Neste senso o director sinala que as mudanzas con respecto ao sistema anterior son mínimas. “Tan só tivemos que reconverter materias optativas en obrigatorias e, de feito, xa lles dabamos a posibilidade ao noso alumnado de cursar as especialidade de Explotacións Forestais e Xestión Ambiental aínda que non puidesen obter a dobre titulación”, pon de manifesto.

“Un tránsito suave”

Durante os próximos anos o novo grao convivirá co plan vixente ata a súa completa extinción. Luis Ortiz confía en que sexa unha “convivencia harmoniosa” xa que a implantación é gradual e non en bloque. “Queremos que sexa un tránsito suave para o alumnado, ademais os xa matriculados en segundo e terceiro teñen as dúas opcións, a de rematar no seu plan ou a de convalidar materias optativas, cursar outras ou presentar experiencias laborais para homologar finalmente o seu título ao grao”, aclara. Para isto a escola establecerá un sistema de convalidacións por materias de libre configuración cursadas polo sistema a extinguir e por traballos profesionais en empresas.

Por outra parte, implantarase un curso ponte dun ano de duración para o alumnado que, tendo cursado o Primeiro Ciclo de Enxeñaría Técnica Forestal de tres anos de duración, desexe homologar a súa titulación ao sistema de Boloña. “Será un curso personalizado e cada persoa terá que realizar máis ou menos materias en función daquelas optativas que fixo no seu día”, precisa o director do centro.

O novo grao habilitará deste xeito aos estudantes para a obtención do título oficial de Enxeñeiro Técnico Forestal recoñecido a nivel europeo e a Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Forestal pasará a chamarse Escola Universitaria de Enxeñaría Forestal.