DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Esta acreditación certifica que se axustan aos parámetros de calidade do EEES

A ANECA verifica os graos de Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual

Segundo Alberto Pena "os títulos acreditados responden claramente aos retos profesionais do estudant

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Camino Carballeira DUVI 25/03/2009

Os graos en Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo xa contan coa avaliación favorable da ANECA, Agencia Nacional de Evaluación de la Calidad y Acreditación, na súa verificación como títulos oficiais. Esta “acreditación do título”, tal e como o resume o decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Alberto Pena, supón que a Axencia, considera que o título proposto se axusta aos parámetros de calidade esixidos polo Espazo Europeo de Educación Superior. Logo da experiencia pioneira de Belas Artes, onde xa están en marcha os tres primeiros cursos do grao, estas son as seguintes titulacións da Universidade que reciben esta acreditación.
O informe, elaborado por unha comisión formada por académicos, profesionais e estudantes seleccionados segundo os criterios do Programa VERIFICA, propón algunhas recomendacións como aportar información sobre o Suplemento Europeo al Título e ampliar información sobre perfís profesionais, ao tempo que suxire concretar a dedicación específica (do persoal académico) do grao ao título proposto e especificar algúns procedementos do sistema de garantía de calidade. En calquera caso, segundo explica Pena, “son cuestións de carácter burocrático que falan dalgún elemento relacionado coa definición de competencias, pero nada importante nin fundamental”. A facultade, a través da Comisión de reforma do título, estudará "se estas recomendacións se axustan aos principios fundamentais e se é conveniente atendelas".

Títulos que responden aos retos profesionais

O proceso continuará coa publicación oficial dos títulos, cuxa verificación, a estas alturas do ano, supón unha vantaxe para a facultade, xa que “permite ter tempo suficiente para organizar o vindeiro curso e introducir, se cadra, algunha modificación dalgún aspecto particular pero nada substancial”, afirma o decano. Así, en setembro implantarase o primeiro curso dos graos das dúas titulacións de Comunicación e de Dirección e Xestión Pública, título que aínda está á espera da verificación da ANECA. O decano amosouse satisfeito por este paso xa que considera que “os títulos acreditados responden claramente aos retos profesionais dos potenciais estudantes e serán títulos prestixiosos. Respondemos a esa filosofía cando comezamos o proceso e as cousas en principio saíron ben”.
Un dos cambios que os novos modelos introducen é a volta a un proxecto fin de carreira para acadar o título. Na reforma feita en 1999 este requisito eliminouse despois de facer un estudo “no que comprobamos que os alumnos empezaban a traballar ao rematar a carreira pero non estaban licenciados, o que lastraba a súa carreira profesional porque chegaba un momento no que tiñan que volver á facultade para poder promocionar”. Agora volve implantarse “pero coas mesmas esixencias para todos”, apunta Pena.

Novas perspectivas en Dirección e Xestión Pública

Coa verificación dos graos de Comunicación na man, a facultade agarda agora polo informe sobre Dirección e Xestión Pública. No modelo proposto, introducíronse moitas materias relacionadas co terceiro sector, “unha mudanza para que os alumnos estean preparados para traballar en fundacións, oenegués e outras institucións que non estean no sector público”, sinala. Ao mesmo tempo, a facultade "negocia coa Reitoría a posibilidade de implantar un curso-ponte para os estudantes que se diplomen este ano e aqueles que xa dispoñan da titulación e queiran graduarse", explica Pena. Optar por unha modalidade ou outra é importante xa que moitos dos alumnos egresados deciden opositar a concursos da administración pública e, co grao, ábrenselles as portas a prazas de maior categoría.