DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ángel Fernández revisa a tradición pictórica relacionada coa Armada e a atracción polo mar

Interveu nun relatorio da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio, onde afondou na obra de Turner e Aivazo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmeralda L. Castro DUVI 25/03/2010

A fascinación polo mar acentúase entre os membros da Armada, o que fai que exista unha longa tradición de pintores entre eles. Así o expuxo onte Ángel Fernández Fernández, almirante retirado desde 2005 e pintor, que interveu nas actividades organizadas pola Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio, cun relatorio titulado Pintores fronte ao mar. Fixo un percorrido pola obra de Turner, Manet, Aivanovsky e Sorolla para amosar as súas diferentes maneiras de enfrontarse ao mar, “todos eles con técnicas e estilos distintos, pero todos grandes artistas”.
Dende esa dobre perspectiva de pintor e almirante, Ángel Fernández sinalou que o mar estivo sempre absolutamente presente en toda a súa vida e en todo o que fixo, dende o seu nacemento en Vigo, e neste sentido citou ao poeta Rafael Alberti: “quizais a miña única loucura foi facer do mar a miña única materia”. Na súa opinión, é máis fácil atopar a inspiración en terra pola diversidade de recursos, “mentres que o mar presenta a dificultade conceptual de querer representar algo que por si mesmo non ten cor, a auga”. “O mar intimida e fainos entender a nosa pequenez”, engadiu para expresar ese poder de atracción que alenta aos pintores de mariñas a emprender ese desafío.
O capitán de navío e director da cátedra José Gabriel Martínez-Ratero foi o encargado de introducir ao relator, de quen salientou que “a súa pintura reflicte as múltiples sensacións de alguén con experiencia e vocación mariñeira”. Ángel Fernández foi xefe do Estado Maior e do Arsenal de Ferrol. Afeccionado á pintura dende sempre, na actualidade está dedicado plenamente a ela no seu estudo da Graña (Ferrol). Ten realizado numerosas exposicións por toda Galicia e España e mesmo en Bélxica, Alemaña e Portugal. Así mesmo, ten publicado varios libros de temática mariña como os titulados Elogio del marinero e De pronto los delfines.

"Un dos máis grandes pintores do mar: Aivazovsky"

“A paisaxe mariña non foi moi apreciada na pintura ata a aparición dun dos máis grandes pintores da historia, Ivan Aivazovsky, polo que ata o século XIX dominaron os temas históricos, relixiosos e mitolóxicos”. Ángel Fernández subliñou na súa intervención a achega deste pintor ruso, pouco coñecido e que considera un dos referentes da pintura mariñeira en todo o mundo, que mesmo chegou a sorprender a Turner.
Aivazovsky mantivo unha relación intensa coa armada do seu país, embarcando nas frotas do Báltico e chegando a ser nomeado Pintor do Estado Maior. Aí reside a épica que reflicte a súa obra, segundo indicou o relator, que opina que recolle “un mar non real, pero convincente para o espectador e cun gran impacto para os sentidos”. Fernández quixo destacar o seu gran coñecemento que Aivazovsky tiña da armada sinalando a corrección da posición dos buques en cadros como o titulado Frota do Báltico en Teodosia ou O combate de Chesma. Como dúas das súas obras máis importantes citou A novena ola e Entre as olas, esta última realizada cando tiña 82 anos.

Turner, o ideal romántico, fronte a Sorolla e Manet

“O grande dos máis grandes, representante do ideal romántico, foi Turner, que máis ben parecía un avezado navegante que un artista”, afirmou Fernández. Citou dous acontecementos coetáneos do pintor que puideron influír na súas obra: as loitas de Inglaterra polo dominio do mar e o paso dos buques de vela a vapor. Entre outros exemplos, detívose no cadro O Temerario remolcado para ser desguazado, que describiu como “a última folla dun caderno de bitácora dun veterano de guerra”. Como anécdota dixo que se retirou en Chelsea facéndose pasar por almirante.
O contrapunto aos dous anteriores está para Ángel Fernández en Manet e Sorolla. Do primeiro dixo que non trataba o mar desde dentro, senón como pretexto e cun resultado próximo á ilustración, “con composicións forzadas e con escasa corrección marítima”. “Os seus cadros reproducen acontecementos históricos abordados como se fose un narrador ou un reporteiro”, indicou, poñendo de exemplo cadros como O Alabama afundindo ao Cherbourg, O combate do Kearsarge e o Alabama e A escapada de Rochefort.
No caso de Sorolla indicou que “non pintou a fascinación polo mar que achega a navegación, senón que deixou que o mar se aproximase a el, á praia, para pintar a beiramar, bañistas, nenos, pescadores ou mariñeiros”. Destacou “a súa mestría no manexo da luz e as transparencias e a súa obsesión pola luz cegadora do sol e a fugacidade dos reflexos”.