DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os relatorios desenvolveranse ata o vindeiro xoves

Ángela Franco revisa a iconografía xacobea en acibeche no primeiro relatorio do VIII Memorial Filgueira Valverde

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Esmeralda L. Castro DUVI 27/10/2009

A conservadora do Museo Arqueolóxico Nacional, Ángela Franco, abriu este luns o ciclo de relatorios do VIII Memorial Filgueira Valverde cunha intervención titulada O acibeche compostelán e a peregrinación e o culto a Santiago na que fixo unha revisión da iconografía xacobea elaborada en acibeche, da que destacou como obxectos principais “a vieira, a figura do Santiago peregrino, os rosarios, as cruces e os portapaces”. Para explicar os seus atributos e cronoloxías botou man de ilustracións de pezas custodiadas polo Museo Arqueolóxico Nacional, o Instituto Valenciá de Don Juan, o propio Museo de Pontevedra e, principalmente, coleccións privadas como as de Valderrey e García Casado, hoxe espalladas por todo o mundo, dende a Hispanic Society de Nova York ata o Victoria&Albert Museum de Londres. Na súa intervención Franco destacou tamén que “todos os interesados no acibeche deben recorrer á bibliografía de Xosé Filgueira Valverde, en particular á súa clasificación tipolóxica dos obxectos”.
O VIII Memorial Filgueira Valverde que se desenvolve este ano baixo o título Reflexos da peregrinación e do culto a Santiago, está promovido pola Cátedra Filgueira Valverde na que participan a Universidade de Vigo e Caixanova, coa colaboración da Deputación e o Museo de Pontevedra. Na súa representación houbo unha quenda de intervencións previa á conferencia para inaugurar o ciclo deste ano.
O vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Iván Area, aludiu á difícil cuantificación do traballo realizado pola cátedra, que exemplificou cunha busca en Google: “se introduces as palabras Filgueira Valverde e Uvigo aparece un total de 45.000 entradas”. Po´la sFernando Filgueira, presidente da Fundación Filgueira Valverde, agradeceu o labor que está facendo a cátedra para manter vivo o legado do seu pai. En nome da Obra Social Caixanova Antonio Gómez Rivera xustificou a elección do tema como “unha anticipación aos grandes acontecementos que terán lugar co Xacobeo 2010”. Pola súa parte, o vicepresidente da Deputación, Rafael Louzán, lembrou que “as investigacións sobre as rutas xacobeas e o culto ao apóstolo Santiago de Filgueira Valverde seguen sendo de consulta obrigada para quen queira tratar o tema hoxe”. Carlos Valle, o director do Museo de Pontevedra, foi o encargado de presentar a Ángela Franco, a quen cualificou como “unha das máximas especialistas no acibeche compostelán”.

Peregrinación, comercio e artes

O VIII Memorial Filgueira Valverde prolongarase ata o vindeiro xoves 29 de outubro. Na segunda xornada, que se desenvolverá esta tarde, Xosé Suárez Otero, da SA de Xestión do Plan Xacobeo ofrecerá un relatorio co título Peregrinación e comercio na Idade Media. O mércores a profesora da Universidade de Santiago de Compostela, Ofelia Rey, presentará unha charla titulada O Padroado de Santiago: orixe, desenvolvemento e consecuencias. Para a clausura do VIII Memorial Yolanda Barriocanal, profesora da Universidade de Vigo, escolleu o tema A iconografía de Santiago no gravado compostelán. Todos os relatorios terán lugar no Salón de actos do sexto edificio do Museo de Pontevedra a partir das 20.00 horas.