DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A oferta comprende tres cursos presenciais e cinco en liña e o prazo de matrícula ábrese o 1 de febr

A ANL estrea para o segundo cuadrimestre un curso de actualización e outro de mellora da redacción en galego

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
DUVI 17/01/2017

A programación docente da Área de Normalización Lingüística da Universidade para o segundo cuadrimestre chega con dúas novidades no catálogo de cursos. Dentro da súa aposta pola formación en liña, a máis demanda pola comunidade universitaria, póñense en marcha dous obradoiros novos, por unha banda, Galego: actualízate e, por outra, Redacta con claridade e mellora a túa redacción. O primeiro deles está destinado a persoas interesadas en lembrar e poñer ao día os seus coñecementos lingüísticos ou repasar cuestións que adoitan resultar máis complicadas. Terá unha duración de 40 horas e desenvolverase do 1 de marzo ao 7 de abril. O segundo está orientado a mellorar as claves e técnicas para redactar de forma correcta, eficaz e actual e impartirase do 27 de marzo ao 7 de abril cunha duración de 15 horas.

A oferta virtual segundo cuadrimestre complétase con outros tres cursos. O obradoiro de redacción e deseño de traballos académicos e de investigación, para persoas interesadas en mellorar a súa expresión escrita e afondar no coñecemento das ferramentas para organizar un documento, terá 20 horas de docencia ao longo do mes de marzo. O curso de redacción de documentos administrativos, tamén se desenvolverá ao longo de todo o mes de marzo e coa mesma duración, co obxectivo de ofrecer ás e aos matriculados unha guía rápida para redactar este tipo de documentación. Finalmente, ofértase un curso de escritura en internet, nas mesmas datas pero de 25 horas de duración.

Cursos presenciais

Ademais dos cursos virtuais, a Área de Normalización Lingüística continúa a ofrecer unha serie de programas presenciais, algúns deles nos tres campus e outros tan só nun. Así, regresa un ano máis o curso de extensión cultural destinado ao alumnado internacional da Universidade, para que poidan achegarse á lingua, cultura, xeografía, arte, paisaxe, historia, etc. de Galicia. Con 75 horas de duración, impartirase nos tres campus con 75 horas de docencia, tanto teórica como con saídas e visitas por toda comunidade.

Por outra banda, impartirase un obradoiro de xestión do multilingüismo na aulas, para o profesora interesado en afrontar eficazmente situacións lingüísticas que poden resultar incómodas. Este curso terá lugar en Vigo, con 10 horas de docencia, entre o 29 de marzo e o 6 de abril.

Complétase o catálogo de cursos cun obradoiro para aprender a expoñer os traballos de investigación, especialmente pensado para preparar a exposición dos traballos fin de grao, fin de máster, teses de doutoramento, etc. Este curso ofértase en Pontevedra e Ourense do 18 ao 27 de abril e terá 10 horas de docencia.

Para todos eles, o prazo de matrícula ábrese do 1 ao 17 de febreiro a través da plataforma Bubela.