DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cunha nova convocatoria dos premios de poesía, relato curto e tradución

A ANL volve premiar a creatividade literaria en galego

O prazo de presentación de traballos remata o 31 de marzo

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 25/03/2011
Un ano máis a Área de Normalización Lingüística volve facer unha chamada a creatividade literaria en galego cunha nova convocatoria dos premios de poesía, relato curto e tradución, unha iniciativa coa que a Universidade quere agasallar a imaxinación, inventiva e esforzo dos novos autores en lingua galega. “Preténdese fomentar a creatividade, as inquietudes artísticas, a comunicación, deixarmos pegada de cada tempo no paso pola universidade, e sempre en galego”, subliñaba Paulo Cabral, director da área.

Poderá participar calquera membro da comunidade universitaria, a excepción do profesorado que imparta docencia en calquera das titulacións que se imparten na Facultade de Filoloxía e Tradución. Como únicos requisitos: estar escritos en lingua galega, ser traballos orixinais non publicados nin premiados en ningún certame e axustarse a unhas determinadas medidas de extensión que poden consultarse nas bases do certame. “É un xeito magnífico de participar na vida cultural da Universidade a través da expresión artística e da nosa lingua”, engadiu Cabral, que fixo fincapé en que nas anteriores edicións os galardóns recaeron en persoas de todos os ámbitos, “refuguemos os prexuízos, non hai exclusividade para filólogos ou tradutoras; as enxeñeiras, os publicistas, as economistas, os fisioterapeutas, as avogadas... teñen moito que dicir”.

Os mellores traballos de cada categoría recibirán como premio 700 euros e, tamén en todas as categorías, haberá dous accésits de 250 euros. Ademais, os autores terán a satisfacción de ver publicadas as súas obras nun volume editado pola Universidade de Vigo “que vai ter ampla difusión e o prestixio da Universidade o que se converte nun chanzo do inicio do currículo dos participantes”, engadiu o director da Área de Normalización Lingüística.

Os interesados en participar en esta iniciativa teñen de prazo ata ás 14.00 horas do vindeiro 31 de marzo, data límite para a entrega, en calquera dos rexistros da Universidade, dos traballos.

Máis de 40 aspirantes na edición anterior

O curso pasado houbo 40 aspirantes aos galardóns, 18 na modalidade de relato curto; 15 en poesía e 7 en tradución literaria. Finalmente o xurado, composto por distintos expertos en lingua e a literatura galega, escolleron as obras de Xosé Daniel Costas Currás, Ledicia Costas Álvarez e Carmen Barros Rodríguez como as gañadoras dos premios de poesía, relato curto e tradución literaria respectivamente, se ben dende a Área de Normalización Lingüística salientaron a calidade de todos os textos que empregaron a poesía e o relato curto como medio de expresión, ao tempo que destacaron a aposta nesa edición pola tradución de clásicos universais.