DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o barómetro do Foro Económico de Galicia

O ano 2019 pechouse cunha parálise do crecemento das exportacións galegas

Os sectores téxtil e da automoción presentan os mellores indicadores

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 28/02/2020

O Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), fixo público este venres os datos do Barómetro Exportador de Galicia (Baexga) referidos ao conxunto de 2019. Nel destacan como o pasado ano “as exportacións galegas paralizaron o seu crecemento, nun contexto de forte desaceleración das exportacións tanto españolas como europeas”.

Entre as conclusión da análise realizada, desde a entidade sinalan como “un ano máis o número de empresas exportadoras galegas tivo un peor dinamismo que no conxunto de España”. Dos oito indicadores manexados neste barómetro, detallan, “só nun tivemos un axeitado comportamento global no ano 2019, mentres que no ano anterior faciámolo en tres”. Na confección, apúntase no documento, “en seis dos oito indicadores tivemos un bo desempeño en 2019, recuperando a tradicional achega positiva do sector”. Polo que respecta ao sector da automoción, indícase no Baexga que “presenta tres indicadores positivos e catro negativos, pechando o ano cun dinamismo do volume exportado por riba do conxunto de España”.

Empeora a fenda co conxunto da economía española

“Un ano máis o conxunto dos indicadores de empresas exportadoras teñen un peor comportamento relativo en Galicia que no conxunto de España, empeorando a diagnose problemática do volume exportado”, recolle o informe. Galicia, detállase no documento, “anota neste caso taxas negativas nos tres indicadores manexados, mentres que no conxunto de España segue a medrar o número de empresas exportadoras no ano 2019”. A incorporación de empresas á exportación tivo nos últimos dez anos en Galicia a metade de intensidade que no conxunto de España, segundo explican desde o Foro Económico de Galicia.  

No conxunto do ano 2019, recolle o documento, mestres as exportacións españolas desaceleraron o seu crecemento ao ritmo do conxunto das economías europeas, as exportacións de Galicia paralizaron o seu crecemento nos mesmos termos nominais. “Se evitamos pechar o ano coas taxas negativas dos trimestres anteriores débese á corrección á baixa dos datos definitivos do ano 2018 e a un cuarto trimestre favorable (en especial na confección e na automoción) segundo estimacións provisionais”, indícase no Baexga. “Só cara as economías emerxentes a diagnose é algo positiva”, engaden. “No balanzo exportador dos últimos dez anos Galicia empeora a fenda que vén mantendo co conxunto da economía española”, subliñan.

O Baexga está coordinado polo profesor da Universidade de Vigo Albino Prada e forma parte das actividades do Foro Económico de Galicia, unha plataforma de transferencia de coñecemento das universidades e empresas galegas á sociedade. Neste barómetro avalíase “o pulso competitivo da economía galega tendo en conta non só as cifras de vendas ao exterior senón tamén o número de empresas que as realizan”.