DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A secretaria xeral deu lectura a Memoria do Curso 2009-2010

Un ano de cambios e novos proxectos

Inmaculada Valeije salientou a importancia de iniciativas coma o Campus do Mar

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
D. Besadío DUVI 24/09/2010

O 2009-2010 foi un curso de cambios para a Universidade e así o salientou na súa intervención a secretaria xeral, Inma Valeije, no resumo da memoria do curso, un percorrido polas cifras, actividades e feitos que caracterizaron o pasado ano académico. Novo reitor, novo Claustro, novo Consello de Goberno, novo logo e imaxe corporativa e moitos camiños por emprender, entre eles, o Proxecto do Campus do Mar, elixido polo Ministerio de Educación para optar ao distintivo de Campus de Excelencia Internacional.

Alén das novidades, Valeije constatou que “a Universidade continúa a consolidar a súa capacidade competitiva e as súas actuacións de transferencia”. Entre as cifras destacadas fixo referencia a que a institución participou en proxectos europeos por importe de 2.553.300 euros e as actividades de I+D contratadas supuxeron un total de 7.281.200 euros, dos cales un 75% se asinaron con empresas, un 23% con entidades públicas e un 2% con outras entidades. Ademais, en canto á propiedade industrial, informou de que se tramitaron 23 solicitudes de patentes, -17 nacionais, 4 internacionais e 2 modelos de utilidade- e, como consecuencia dos resultados da investigación, creáronse 5 empresas de base tecnolóxica e dúas máis titorizadas.

Proxección internacional, cultural e social

No campo das relacións institucionais, a secretaria xeral lembrou que o curso pasado foron 589 os estudantes da Universidade de Vigo que cursaron parte dos seus estudos noutros centros de educación superior europeos e un total de 471 alumnos e alumnas estranxeiros os que elixiron esta Universidade como destino.

Tamén no eido internacional, subliñou que se asinaron un total de 384 acordos Erasmus con universidades europeas e xestionáronse 172 convenios internacionais, destacando o novo convenio asinado coa Universidad de Estudios Extranjeros de Beijing, China, e a National Taiwan Normal University (Taiwan) co gallo de abrir novas canles de cooperación con Asia.

Nas actividades de extensión universitaria, Inma Valeije fixo referencia as múltiples conferencias, concertos, óperas, cine, teatro, cursos, obradoiros e exposicións que tiveron lugar nos tres campus da Universidade e, xa centrada no eido deportivo, subliñou a celebración do Congreso Mundial do Deporte Universitario, onde 269 delegados de 74 países trataron sobre as cuestións claves para o avance do deporte universitario a nivel internacional así como o 11º Campionato do Mundo Universitario de Taekwondo no que participaron delegacións de 48 países.

A Universidade en cifras

Segundo os datos da Memoria do Curso, a matrícula total ascendeu a 23.132 estudantes, dos cales 21.952 corresponden a centros propios e 1.180 a centros adscritos. Distribuídos por campus, houbo 4.575 no de Ourense, 3.548 no de Pontevedra e 12.142 no de Vigo. Doutra banda, a matrícula en Terceiro Ciclo foi de 1.687 estudantes e defendéronse 78 teses de doutoramento.

No tocante á política académica, Inma Valeije lembrou que o pasado curso se impartiron 54 titulacións oficiais de primeiro e segundo ciclo, así como 61 mestrados e 39 programas de doutoramento, 10 deles con mención de calidade. Paralelamente, a secretaria xeral engadiu que o cadro de profesores estivo composto por 1.613 docentes, mentres que o persoal de administración e servizos ascendeu a 754 e o persoal investigador contratado a 661.