DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O 10 de novembro remata o prazo para presentar traballos no 4º Concurso de Relatos Ciencia que Conta

Este ano a ciencia tamén ten moito que contar

A partir do luns a ETS de Enxeñaría de Minas acolle actividades ao abeiro da Semana da Ciencia

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Noemí Rey e M. Del Río DUVI 04/11/2011

Ciencia e imaxinación a esgalla. É o único que necesitas para participar no 4º Concurso de Relatos Ciencia que Conta, organizado por un grupo de profesores do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo e co que se trata de concienciar a toda a sociedade galega “sobre a importancia que ten a ciencia no desenvolvemento económico e o benestar social”. Para fomentar esa cultura científica e achegar o traballo dos investigadores e tecnólogos á cidadanía dun xeito lúdico e divertido, o certame está aberto tanto ao alumnado de educación primaria e secundaria como para o público en xeral. O prazo para enviar os traballos, que deben ser individuais ou por parellas, remata o vindeiro 10 de novembro.

Máis de 170 relatos presentados

Como afecta a chuvia á auga da ría; facer dunha receita de flan un experimento; como funcionan a lei da gravidade, as alerxias ou as células; novas tecnoloxías como o GPS; a curiosidade pola astronomía ou a presenza das mulleres na ciencia son algúns dos temas tratados nos 170 relatos enviados o ano pasado. Un aumento de case un 30% que seguiu a liderar a categoría de alumnado de educación secundaria, onde se presentaron máis de 90 contos. Mentres que os máis pequenos optaron por inventos antigos e modernos e polo cotiá, na seguinte categoría os relatos gañan “complexidade, elaboración” para chegar á “madurez” dos traballos enviados por estudantes de Bacharelato e polo público en xeral. “A ciencia mestúrase co cotián a un ritmo narrativo trepidante. Os novos retos da ciencia e a investigación histórica dá os seus froitos”, resumía o limiar do libro que recolleron algúns dos relatos presentados na última edición.

As bases do concurso salientan que non deben ser traballos “de ciencia ficción, sobre ciencia ou meras descricións”, senón que en función da idade deberán desenvolver un relato curto a partir dun aspecto científico puntual ou da observación dalgún fenómeno ou experimento simple. O xurado, formado por persoas do campo da divulgación científica, o xornalismo, a literatura ou o ensino, valorará sobre todo a calidade do conto e o acerto no contido científico.

Ordenadores, xogos, libros e material científico como premio

Os interesados en participar deben enviar por correo electrónico (cienciaqueconta@uvigo.es) ata o 10 de novembro escritos orixinais, inéditos e en lingua galega dun máximo de 1000 palabras. As obras gañadoras, que se coñecerán a partir do 25 de novembro, recolleranse nun libro xunto cunha selección dos mellores relatos presentados. O primeiro premio estará dotado cun ordenador ultraportátil e o segundo e terceiro cun lote de libros, xogos ou material científico, sempre adaptado á idade.

A ciencia toma a ETS de Enxeñaría de Minas

Experimentos e demostración tomarán a vindeira semana da ETS de Enxeñaría de Minas que, co gallo da Semana da Ciencia e coincidindo co Ano Internacional da Química, acolle unha serie de actividades e visitas dirixidas fundamentalmente a estudantes de secundaria e bachareleto, cuns contidos relacionados de forma directa coas súas instalaciónes e a súa investigación, asociada en esencia coa enerxía, os novos materiais e medio ambiente.

As visitas comezan o luns e, ata o venres, pasará polo centro alumnado de 25 institutos de toda Galicia, para coñecer as novas dependencias da ETSE de Minas, na cal se disporán pequenos espazos de aprendizaxe/divulgación lúdicos nun contexto de aprendizaxe formal e atendido por alumnos/as-guías da propia ETSE de Minas. O estudantado de ESO e Bacharelato que visite o centro ao longo de toda a semana poderá asistir a demostracións e experimentos como unha demostración activa de manexo simulado de explosivos ou a toma activa de imaxes cunha cámara termográfica.