DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Carmen Becerra, organizadora do VI Congreso Internacional de Literatura Comparada:

“Este ano contamos cun guionista de nivel, os grandes esquecidos no mundo do cine”

O congreso desenvolverase os días 4, 5 e 6 de novembro na Facultade de Filoloxía e Tradución

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
S. Alcázar DUVI 30/10/2009

Cine e literatura son as dúas disciplinas que se entrelazan e protagonizan o VI Congreso Internacional de Literatura Comparada, organizado dende a súa primeira edición pola profesora da Universidade, Carmen Becerra. “É un simposio de referencia que xa ten 12 anos de antigüidade e conta cunha publicación propia. Seica hai moitos outros congresos de literatura comparada, pero non destas características” argumentou Becerra. Lecturas. Imágenes é a revista que se publica cada ano con motivo da celebración de cada congreso e que inclúe un resumo das conferencias e comunicacións máis relevantes ou ben monográficos sobre a temática do simposio, que este ano terá lugar os días 4, 5 e 6 de novembro na Facultade de Filoloxía e Tradución.

Seis conferencias e vinte e tres comunicacións

O programa do VI Congreso de Literatura Comparada contará cun total de seis relatorios e vinte e tres comunicacións, que terán lugar en dúas salas simultáneas. As comunicacións estarán estruturadas en catro bloques segundo a temática que abordan. A primeira xornada tratará sobre a relación entre dramaturgos e cineastas e pola tarde terá lugar o segundo bloque, Outras escrituras. Outras miradas. As comunicacións do xoves resaltarán o papel dos directores que tamén desempeñan o labor de guionistas dos seus propios filmes, como é o caso de Alexander Kluge ou Woody Allen, dos que se falará neste bloque baixo o título Dirixir e Escribir. Na derradeira xornada, abordarase a temática da imaxe e literatura infantil e xuvenil, no que teñen cabida o cine de ciencia ficción xuvenil e o cine de animación.

Conferenciantes de “luxo”

Talentos múltiples é o subtítulo do congreso, que ten por obxectivo pór de manifesto a interrelación artística que existe entre o cine e a literatura, para o que conta coa participación de importantes conferenciantes procedentes de toda España e de Norteamérica que desenvolven a súa actividade en varias disciplinas artísticas. Becerra destaca a intervención do profesor da USC, Luis Miguel Fernández, ao que define como “magnífico investigador”, encargado do relatorio Escritores españois na televisión do franquismo. “Trátase dunha temática de gran relevancia que non foi estudada ata o de agora” afirmou Becerra. Tamén é interesante a intervención de Jose Manuel González, profesor da USC e especialista en Mario Camus, que presentará unha relación de contos pouco coñecidos publicados polo director. No congreso tamén irtervirán poñentes de fóra de Galicia, como Antonio Altarriba, da Universidade do País Vasco, especialista en literatura infantil e xuvenil que centra a súa actividade no cómic. Tamén participan Juan A. Calatarrá, da Universidade de Alicante, un referente no mundo do cine e Domènec Font, da Universidade Pompeu Fabra, pioneiro na investigación dentro do campo do cine e a literatura. Os tres son recoñecidas autoridades en cadanseu campo de traballo.
A gran novidade deste ano é a invitación ao congreso de Alberto Sánchez Álvarez-Insúa, que compaxina o seu labor de guionista coa dirección tanto do servizo de publicacións do Consello Superior de Investigacións Científicas como da revista Albor. “Este ano contamos cun guionista de nivel. Noutras edicións houbo invitados que traballaban en diferentes disciplinas: directores, actores, etc...pero nunca houbo un guionista, que son os grandes esquecidos no mundo do cine, a pesar de que a súa labor é fundamental para calquera proxecto audiovisual” comentou Becerra. Álvarez-Insúa exerce como guionista de cine dende hai moitos anos aínda que tamén se fixo cargo dos guións do grupo Parchís ou os cómicos Martes e Trece, entre outros. Aproveitando a súa presenza no congreso terá lugar a proxección do filme La monja alférez, do que tamén é guionista xunto con Javier Aguirre.

Participación aberta a todo o público

Calquera que estea interesado no mundo do cine e da literatura está convidado a asistir a este evento, que contou con máis de 100 matriculados en anteriores edicións. “Vén xente de toda España, como é normal neste congreso de índole internacional” afirmou Carmen Becerra. O simposio acolle tanto a profesores, investigadores como a público en xeral, pero fundamentalmente está dirixido aos alumnos da Universidade de Vigo como os principais receptores, posto que o congreso está pensado para eles como un complemento formativo fóra das aulas.