DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ánxela Bugallo incide na importancia de catalogar os elementos que integran o patrimonio inmaterial

Un ano despois da súa creación, o Proxecto Ronsel xa conta cun Plan de salvagarda do patrimonio inmaterial e un portal web de seu

O proxecto, coordinado pola Universidade de Vigo, organiza a II Mostra de Patrimonio que se celebrar

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría DUVI 04/11/2008

Transcorrido pouco máis dun ano da súa posta en marcha, o Proxecto Ronsel foi quen de elaborar un Plan para a salvagarda e posta en valor do patrimonio cultural inmaterial, organizar dúas mostras de patrimonio cultural inmaterial e lanzar un portal web que contén toda a información sobre o proxecto, así como unha significativa escolma de mostras de patrimonio inmaterial en formato sonoro e audiovisual.
O coordinador do proxecto e vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Iván Area, foi xunto á conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, e o director xeral de AGADER, Edelmiro López, o encargado de presentar o balance do primeiro ano de existencia do Proxecto Ronsel, xurdido da colaboración das consellerías de Cultura e Deporte, Innovación e Industria, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) e as Universidades de A Coruña, Santiago e Vigo.
Coa encomenda de salvagardar e poñer en valor o patrimonio inmaterial do país, que segundo a UNESCO comprende empregos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas que as comunidades, grupos e individuos, recoñecen como parte integrante do seu patrimonio cultural, o Proxecto Ronsel desenvolveu numerosas iniciativas que, segundo Iván Area, responden “a dous grandes mundos do noso traballo: o interno da reflexión e o externo de promoción e difusión das nosas iniciativas”.
Un traballo no que actualmente están implicados cinco profesores da Universidade de Vigo e catro técnicos a tempo completo que compaxinan o traballo de campo e relacións con asociacións, individuos e institucións, coa interrelación cun importante número de colaboradores.

Un plan de acción para salvagardar o patrimonio

“O Plan de salvagarda fixa”, segundo apuntou Ánxela Bugallo, “as directrices básicas e o traballo a desenvolver nos próximos cinco anos para estudar, protexer e difundir o patrimonio inmaterial de Galicia”. Funcionando como unha guía que fixa sete áreas de traballo en relación co patrimonio inmaterial, o Plan de salvagarda establece unha vintena de liñas estratéxicas e máis dun centro de liñas de acción que marcarán a dirección do traballo a desenvolver nos próximos anos.
O Plan que propón unha profunda redefinición das liñas de traballo para permitir a adaptación do patrimonio cultural inmaterial aos novos cambios sociais, económicos e políticos que se producen, é segundo Iván Area “un dos puntos de inflexión no desenvolvemento de políticas neste campo de traballo, no que empregando as máis modernas técnicas que veñen do mundo da empresa, contouse coa participación de 61 persoas, procedentes dos ámbitos universitario, asociativo e institucional”. Desde todos os ámbitos da sociedade galega, os participantes na elaboración do Plan de salvagarda, achegaron as súas ideas e coñecementos para a elaboración dun documento que pode guiar as institucións públicas no establecemento de medidas que poñan en valor, salvagarden e revitalicen o patrimonio inmaterial.
Entre os aspectos máis importantes a desenvolver, a conselleira destacou a identificación e catálogo dos elementos que integran o patrimonio inmaterial, así como os seus portadores. Tal é o caso do traballo desenvolvido polo Proxecto Ronsel coa elaboración dun catálogo de instrumentos musicais tradicionais e outro sobre oficios, e aos que seguirán un traballo que cataloga os 75 oficios tradicionais propios de Galicia, así como os dedicados á botánica tradicional, as prácticas agrarias, o uso tradicional da auga e outros ámbitos da relación humana coa natureza. A conselleira de Cultura e Deporte cualificou a elaboración deses católogos como "fundamental" e "imprescindible" para poder optar no futuro a incluír propostas da cultura tradicional galega para seren incluídas na lista de Patrimonio Inmaterial da Humanidade da UNESCO.
Neste sentido o director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Edelmiro López, sinalou a posta en valor do patrimonio natural e cultural “como un dos piares sobre os que construir o medio rural galego do século XXI”.

Mostras do Patrimonio Cultural. Pontevedra e Ourense

Entre as actividades cunha maior relación coa sociedade que o Proxecto Ronsel desenvolve, destacan as mostras de patrimonio inmaterial, a primeira celebrada o pasado ano en Pontevedra e a que a partir do vindeiro sábado terá lugar na Praza Maior de Ourense.
“Penso que a mostra do sistema cultural tradicional, ademais de ter un importante valor no campo cultural, ten fundamentais implicacións en sectores como o turismo”, sinalou o vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo que destacou que o ano pasado en Pontevedra, cada hora, máis de 500 persoas visitaron a carpa na que se desenvolvían as actividades da mostra.
A II Mostra de Patrimonio Cultural Inmaterial Galego-Portugués que se celebrará na Praza Maior de Ourense entre os días 8 ao 11 de novembro, e na que máis de 400 persoas encargaranse de desenvolver actividades, terá como fío condutor o Ciclo do ano. Deste xeito dedicarase cada un dos días da mostra a unha estación, comezando o sábado 8 coa primavera, o domingo será o verán, o luns tocaralle ao outono, e a mostra rematará coa chegada do inverno o martes 11. A mostra contará cunha cabana permanente onde se poderán visitar diferentes exposicións e obradoiros de olería, fabricación de corozas, forxa, tornaría, fabricación de xoguetes e instrumentos musicais, ou destilación de augardente. A mostra conta tamén cunha Cabana das Palabras onde terán lugar diversos relatorios e proxección audiovisuais, ademais das I Xornadas de Hortofruticultura Ecolóxica.
Aínda que todos os días haberá actuacións musicais e de baile tradicional protagonizadas por agrupacións da área Galicia-Norte de Portugal, a música terá especial protagonismo as noites do sábado e do luns, xa que a Asociación de Gaiteiros Galegos, que tamén colabora na organización da mostra, celebrará eses días o seu Festival de Música Tradicional.

O patrimonio inmaterial en Internet

O patrimonio inmaterial conta grazas ao Proxecto Ronsel co seu sitio en Internet. http://webs.uvigo.es/ronsel é a ligazón que dá acceso ao portal web que contén información sobre o proxecto, novas e eventos relacionados. “No portal temos subidos máis de 400 páxinas de word en distintos artigos, 600 fotografías en 13 seccións, case 250 vídeos que suman 25 horas e numerosísimos audios”, enumera Iván Area.
As imaxes do antroido de Cobres ou das festas de Rairiz de Veiga, a música de José Marentes ou de Paco de Escornabois e os vídeos do Encontro de tocadores de trompa ou da Mostra do PCI de Pontevedra, forman parte do amplo arquivo fotográfico, sonoro e audivisual que contén o portal sobre o que Iván Area avanza que “estamos nun intenso traballo de subida da distinta información que xeramos nós mesmos e da que nos fan chegar. Na actualidade estamos, ademais, en conversas para xerar unha nova estrutura paralela: a wikipedia do noso coñecemento tradicional”.

Accións de futuro

Ás actividades e accións desenvolvidas neste primeiros meses de existencia do Proxecto Ronsel, sumaránselles outras medidas de difusión previstas no plan. Tal é caso, segundo avanzou a conselleira Bugallo “a difusión internacional do patrimonio galego; o seu aproveitamento turístico, especialmente no rural", así como a elaboración de materiais educativos e de apoio á edición de contidos sobre o Patrimonio Cultural Inmaterial en libros, audiovisuais e cómics.