DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os proxectos gañadores dos Premios Incuvi-Emprende no campus instálanse na sede de AJE

Un ano por diante para facer aflorar unha empresa

A Vicerreitoría buscará crear sinerxías coas iniciativas dos emprendedores, ás que realizará un segu

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 21/02/2014

Un ano por diante para converter unha idea nun proxecto empresarial. Ese é o horizonte que se lles abre aos gañadores e gañadoras dos Premios Incuvi-Emprende no campus de Pontevedra, que nesta xornada foron recibidos na sede da Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE), onde xa teñen á súa disposición o espazo no que facer aflorar os seus proxectos empresariais. Unha consultoría ambiental e unha aplicación para aconsellar aos diabéticos sobre a práctica deportiva son os dous proxectos que se desenvolverán ao longo do vindeiro ano no Espazo Emprendedor de AJE, onde tamén medrarán a axencia de publicidade dixital e o proxecto de optimización de zonas deportivas mediante códigos QR que foron recoñecidos cun accésit nestes premios impulsados pola Vicerreitoría de Transferencia do Coñecemento.

Na súa primeira visita ao que será o seu lugar de traballo nos próximos meses, estes estudantes emprendedores estiveron acompañados pola vicerreitora do campus de Pontevedra, Antonia Blanco, que destacou a importancia deste tipo de iniciativas para “poder desenvolver o potencial inmaterial que temos na Universidade”. No acto de benvida tamén participaron a presidenta da asociación en Pontevedra, Lucía Pedroso, e o responsable de AJE-Galicia, José Manuel Valenzuela, xunto con Teresa Pedrosa, delegada do Consorcio Zona Franca de Vigo e José Ramón Carril, representante da empresa Siga98, entidades patrocinadores dos dous proxectos gañadores. A estas entidades Blanco dispensou un “agradecemento de corazón”, xa que a súa implicación “permite desenvolver esta acción en Pontevedra e potenciar así as titulacións do campus”.

Xerar sinerxías entre Universidade e emprendedores

Ademais de dispor dun espazo no que desenvolver a súa idea empresarial, os premiados nos Incuvi-Emprende tamén reciben un bono de formación por valor de 1000 euros por cortesía da Escola de Negocios de NovaCaixaGalicia e poderán participar ao longo do vindeiro ano nas diferentes actividades formativas que se desenvolvan no seo de AJE. Por iso, Antonia Blanco convidou aos novos inquilinos desta incubadora empresarial a “aproveitar esta estadía todo o posible e coñecer como funciona o mundo empresarial”. Trala presentación, a vicerreitora mantivo un encontro cos responsables dos diferentes proxectos, que durante a súa estadía nesta incubadora empresarial contarán tamén coa axuda da Vicerreitoría do campus, que realizará un labor de seguimento das súas iniciativas. O obxecto desta labor de titorización, é crear sinxerxías entre a Universidade e estas novas iniciativas empresariais, poñéndoas en contacto cos proxectos que se desenvolven no campus de Pontevedra.

Unha aplicación para que o deporte sexa realmente san

Un dos oito proxectos gañadores dos Incuvi-Emprende foi o presentado Carlos Leirós, estudante de posgrao na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, xunto cos graduados Fernando Iglesias e Antonio Cabanelas. Trátase de Mueve tu vida, unha aplicación móbil “para que os diabéticos fagan deporte dunha forma segura é controlada”. Non en van, explica Leirós, a actividade física é moi recomendable para as persoas que padecen este tipo de doenza, sempre e cando saiban como e cando realizala. “Analizamos casos de nenos con diabetes que despois de facer exercicio padecían hipoglucemias, o que pode ser perigoso”, subliña, e por iso decidiron crear unha aplicación que traslada a cada persoa unha serie de “recomendacións personalizadas sobre como adaptar a insulina, os hidratos de carbono ou os horarios ao tipo de exercicio que queiran facer”. Toda esta información será subida a unha páxina web na que cada usuario contará cunha área personalizada na que facer un seguimento da súa actividade, explican os responsables da iniciativa que nos próximos meses desenvolverá un grupo de traballo do que tamén formarán parte médicos e informáticos. De aí que na primeira visita á que será a súa base de operacións, incidisen na importancia de poder traballar desde a sede de AJE, xa que ademais de desenvolver a aplicación e poñela a proba cos futuros usuarios tamén precisan de coñecementos “sobre o modelo de negocio ou sobre como financiarnos”.

O medio ambiente como un valor económico

No despacho contiguo ao dos responsables de Mueve tu vida traballarán Fátima Otero e Manoel Ucha, dous titulados da Escola de Enxeñaría Forestal. A súa empresa trata de poñer en valor o medio ambiente como valor engadido desde o punto de vista empresarial. Destaca Otero que "se unha empresa ten en conta aspectos ambientais na súa xestión, a súa proxección social vai ser outra, será mellor vista” e engade que unha das liñas do seu proxecto se sitúa precisamente no ámbito da consultoría, para ofrecer asesoramento ás empresas en materia medioambiental. Ademais contemplan unha segunda vía, promover a formación online no ámbito ambiental, para o que estudarán as demandas de formación específica que poidan ter estudantes, titulados ou profesionais e ofrecerlles así unha alternativa máis alá do que xa existe”, apunta Ucha. Non en van, o punto de partida desta iniciativa é trasladar ao mundo empresarial todo o potencial que existe “tanto no ámbito da economía social como no da economía produtiva” en terreos como as enerxías renovables ou a xestión de residuos.

Publicidade dixital e optimización de zonas deportivas

Nesta edición dos Premios Incuvi-Emprende outorgáronse por primeira vez accésits, que se suman aos seis premiados en Vigo e dous en Pontevedra. Os proxectos de Paloma Barreiro e Adrián Paramés compartirán un espazo de coworking tamén en AJE para sacar adiante as súas ideas emprendedoras. Barreiro dará forma a Moose and Hooper, unha axencia de publicidade dixital, deseño web e desenvolvemento de aplicacións para empresas. Esta titulada en Publicidade e Relacións Públicas explica que “o feito de chegar ao mercado despois de ser recoñecida cun premio, xa abre portas” e fai énfase nas posibilidades que lle ofrece ter á súa disposición un espazo físico no que levar a cabo a súa actividade, polo que “agora toca centrase en buscar clientes”.

Ao seu carón, Paramés, estudante de posgrao na Facultade de CiencIas da Educación e do Deporte, traballará nun proxecto de optimización de zonas deportivas a través do uso de códigos QR, que permitan aos usuarios ver no seu móbil un vídeo explicativo de como empregar unha determinada máquina ou instalación. “Nas cidades hai moitas zonas deportivas ou circuítos biosaudables ás que se lles pode sacar máis rendemento e que máis xente podería utilizar se teñen a información que lles permita saber como facer os exercicios ou a que intensidade”, puntualiza este titulado, que ve nas administracións públicas un dos potenciais destinatarios da iniciativa empresarial que durante os próximos meses desenvolverá neste espazo de coworking.