DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado de Comunicación Audiovisual colabora coa Asociación Vaipolorío na produción dun documental

Un ano de imaxes para salvar o río Gafos

Gravaron a transformación e os fenómenos que lle afectan nas catro estacións, coa colaboración de Er

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijoo DUVI 07/07/2011

Un traballo de todo un ano para concienciar da necesidade de conservar e de protexer “todo o verde que nos rodea”. Este foi o resultado da colaboración entre a Asociación Vaipolorío e a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación para a rodaxe do documental Un ano no río dos Gafos, producido por alumnos de 3º e 4º de Comunicación Audiovisual, que recolle os cambios e a evolución que sofre a fauna que está a carón do río. “Aínda que non é a primeira vez que colaboramos coa asociación, o certo é que este proxecto esixiunos un compromiso constante pola súa continuidade no tempo”, explican os alumnos.

Deste xeito, Bibiana Juanes, Ana Eiras, Alba Roca, Inma Vilanova, Alberto Álvarez, Adrián Carrón, Pablo Lamosa e Pablo Pecatiello, aproveitaron cada fin de semana libre que tiñan para gravar os pequenos fenómenos que se ían sucedendo no río e na paisaxe do arredor en cada estación. Sempre asesorados por membros da asociación, foron fixándose en distintos elementos do río: “os fungos en outono, as inundacións no inverno, a floración das plantas en primavera ou o descenso do caudal en verán”. Tamén recolleron as modificacións que padece a paisaxe como consecuencia da man do home, “como as obras do AVE, o mal que fai o vertido de deterxentes, os sumidoiros ilegais...”, de aí que o documental teña unha clara mensaxe reivindicativa.

Colaboración de Ernesto Chao

Aínda que nun principio pensaron nun documental de 15 minutos montado coas imaxes gravadas do río e cunha voz en off que fose describindo o proceso, “por medo a que fose moi pesado” decidiron incluír unha historia humana que exercera de fío condutor e que a fixera máis próxima ao espectador. Así, na última parte da rodaxe contaron coa colaboración do coñecido actor Ernesto Chao “que xa tiña traballado con nós noutras ocasións, no Can Campus de Cans e na gravación dunha curta o ano pasado”. Protagonizou a secuencia narrada facendo de avó doutro actor novel, Antón Xurís, a quen lle conta a historia e os cambios do río. Traballar con actores profesionais supón para o alumnado “unha aprendizaxe extra, pois facilitan moito a rodaxe e achegan consellos que che axudan a mellorar e a medrar como profesional”, unido ao feito de que a súa imaxe “axuda á promoción das nosas pezas”.

Nestes momentos atópanse na fase de montaxe, “dándolle forma e sentido a un gran volume de material para seleccionar o máis importante”, comenta Juanes. Realizan un balance moi positivo da experiencia “xa que un tema que pode resultar pouco creativo, soubémoslle sacar o máximo proveito”.

Unha relación beneficiosa

Mentres que a Asociación Vaipolorío consigue unha peza audiovisual de calidade que promociona e reivindica o estado do río Gafos, o alumnado ten a posibilidade de saír fóra da facultade “para aplicar todo o que imos aprendendo”. Ademais, Juanes engade que, debido ao activismo desta asociación “pois presentan o documental a festivais, a concursos, en colexios...” o documental vai ser visto por moita xente “polo que é posible que a alguén lle guste o noso traballo e decida contratarnos”, apunta. O certo é que está a resultar “unha relación beneficiosa para ambas partes” e polo tanto “a colaboración coa asociación continuará, pero con alumnos que veñen por detrás”, aclara Juanes.