DUVI

Diario da Universidade de Vigo

23 alumnos e alumnas de intercambio incorpóranse este cuadrimestre ás aulas

O ano que vin a estudar ao campus de Ourense

Procedentes de nove países e de dous continentes

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 22/01/2014

Chámanse Dirk, Joshua, Dominika, Mariela... Como calquera estudante universitario, eles e elas retoman agora as clases despois das vacacións de Nadal. Pero fano dun xeito especial. Para eles e elas, 2014 será o ano no que se foron a España, concretamente ao campus dunha pequena cidade chamada Ourense, a vivir a experiencia de estudar fóra dos seus países de orixe. O campus de Ourense deulle este mércores, día no que celebrou os seus 40 anos de existencia, a benvida aos 23 estudantes estranxeiros, procedentes de nove países e dous continentes, que este cuadrimestre estudarán nos seus centros ao abeiro dos diferentes programas de intercambio establecidos con outros países.

Moito que aprender e que facer

María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, e Nicole Leites, da Oficina de Relacións Internacionais da Universidade de Vigo, foron as encargadas de recibir a este alumnado e de presentarlle a institución na que estudarán os vindeiros meses. “Agardamos que durante a vosa estancia aquí aprendades moitas cousas pero tamén que o pasedes moi ben, que fagades bos amigos, que coñezades a nosa cultura e idioma e que aproveitedes todas as actividades e servizos que tedes á vosa disposición neste campus e nesta cidade”, díxolle María Lameiras aos estudantes presentes.

A este novo grupo de estudantes, que relevan aos 19 que estiveron no primeiro cuadrimestre e que se suman aos 7 que estarán todo o curso no campus, Nicole ofreceulles unha panorámica xeral da Universidade de Vigo e do campus de Ourense na que salientou o seu carácter innovador e xoven. De seguido, responsables ou técnicos dos diferentes departamentos e servizos, como son a Biblioteca, a Área de Cultura, o Servizo de Deportes, o Gabinete Psicopedagóxico, o Centro de Linguas e a Área de Normalización Lingüística, foron explicando aos presentes a oferta de servizos e actividades que teñen á súa disposición para completar a súa formación académica no campus.

As sempre importantes primeiras impresións

Entre os estudantes recibidos este mércores estiveron Joshua Lampe e Mariela Loock, que, procedentes de Alemaña, comezan agora as súas clases nas facultades de Ciencias Empresariais e Turismo e Historia, respectivamente. “A primeira impresión é moi boa, tanto do campus como da cidade”, destacou Joshua Lampe mentres se esforzaba por pór en práctica os seus coñecementos de español. “É unha cidade e un campus pequeno pero iso precisamente os fai máis orixinais e atractivos. Ademais, está a natureza que nos rodea aquí e o feito de que non é un lugar especialmente turístico”, engadiu Mariela Loock. As súas boas expectativas foron compartidas tamén por Dominika Petö, que se veu gratamente sorprendida polo reducido número de alumnos nas clases, e por Dirk Jürgens, que pola súa banda se veu sorprendido polas dimensións do campus, que agardaba máis pequeno do que é. Eles e elas forman parte do amplo grupo de estudantes estranxeiros que, proceden de países non castelanfalantes, escollen un destino en España non só para ampliar coñecementos da súa área de interese senón tamén para aproveitar a estadía para mellorar o seu dominio do idioma. “Despois de estudar español catro anos no instituto, vir aquí era unha boa opción porque me permitía seguir estudando ao mesmo tempo que practicaba o idioma”, comentou Dirk Jürgens durante o acto de benvida.

Este cuadrimestre, por nacionalidades, o grupo de alumnado de intercambio máis numeroso, formado por oito estudantes, é o procedente de México, seguido de Alemaña con catro e Brasil, Colombia, Grecia e República Checa con dous. Completan este crisol multicultural universitarios de Arxentina, Polonia e Portugal. A facultade que máis estudantes estranxeiros acolle este cuadrimestre é a de Dereito, con oito alumnos, seguida pola de Ciencias Empresariais e Turismo, con cinco, e Ciencias e Ciencias da Educación, con catro cada unha delas. A Facultade de Historia e a Escola Superior de Enxeñaría Informática pecha a lista cun alumno estranxeiro cada unha delas.