DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo a tese de Henrique Martins, que estuda as capacidades psicolóxicas dos xogadores

A ansiedade é maior nos futbolistas nacionais que nos estranxeiros

O investigador avaliou outros catro factores: motivación, autoconfianza, concentración e cohesión do

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Esmeralda L. Castro DUVI 26/05/2010

A presión psicolóxica pode interferir no rendemento deportivo dos xogadores de fútbol. Avaliar o perfil dos futbolistas en canto ás súas capacidades psicolóxicas e en función das características deportivas, individuais e socioculturais foi o obxectivo da tese Necesidades psicolóxicas dos xogadores de fútbol de Henrique Martins. Para iso o autor elaborou un cuestionario específico en torno a cinco factores –a cohesión do grupo, a motivación, a ansiedade, a autoconfianza e a atención/concentración– e aplicou esta ferramenta a unha mostra 683 xogadores de 37 equipos portugueses de fútbol profesional e afeccionado de todos os niveis de competición.
A partir dos resultados obtidos unha das conclusións máis salientables de Martins é que “a ansiedade está condicionada pola procedencia dos xogadores, dado que os estranxeiros a controlan mellor”. Isto pode deberse, segundo o investigador, a que os futbolistas foráneos “están máis habituados a lidar co estrés polo feito de xogar en varios clubs”. Con todo, considera que estes resultados poden variar en función do contexto, sendo aplicables só para a mostra e o momento concreto no que se realizou o estudo. “A análise de regresión efectuada non foi conclusiva no senso de que se poida encontrar un modelo preditivo das capacidades psicolóxicas”, sinala ao respecto.
A tese, valorada por profesores das universidades de Vigo, Santiago, O Porto e da Escola Superior de Deporte de Rio Maior, foi cualificada con sobresaliente cum laude.

Máis cohesión do equipo en niveis competitivos maiores

Entre outros resultados, a investigación recolle tamén que a ansiedade aumenta cando o nivel competitivo é menor. En canto a cohesión do equipo, Martins conclúe que esta é maior canto menos idade e anos de experiencia teñan os xogadores. Segundo a tese, condicionan tamén a relación do grupo o nivel de escolaridade dos xogadores e o feito de ser profesionais ou non, tendo neste caso as variables unha relación positiva. Así mesmo, cando o nivel competitivo é maior o equipo está máis unido.
A motivación depende da idade, diminuíndo coa veteranía. Nela inflúe tamén o tempo de permanencia nun mesmo club, sendo maior canto menos tempo se leve no equipo.
Con respecto ao nivel de autoconfianza, o autor do estudo destaca que “os xogadores casados teñen máis confianza en si mesmos”. Esta aumenta tamén coa maior formación, cos anos de práctica, co incremento do nivel competitivo e coa profesionalización.
Finalmente, ao respecto da atención/concentración o estudo conclúe que é maior a medida que aumenta o nivel competitivo.

Instrumento de avaliación específico para o fútbol

Para chegar a este punto, o estudo respondeu tamén a un obxectivo inicial, o de crear un instrumento de análise das variables psicolóxicas fiable e específico para o fútbol.
Na busca bibliográfica realizada para desenvolver a investigación Martins atopou varios instrumentos para a avaliación desas capacidades, adaptados e validados para cada modalidade deportiva, incluíndo o fútbol. “Non obstante, consideramos oportuno ser pertinentes e crear, adaptar e aplicar un instrumento específico para o fútbol, dado que as características deste deporte son moi peculiares”, explica.
Deste xeito, a primeira parte do estudo estivo destinada a crear e validar o Cuestionario das Capacidades Psicolóxicas do Futbolista (QCPF). Para isto Martins partiu de 131 afirmacións, obtendo finalmente un cuestionario con 24 ítems, agrupados nos cinco factores devanditos. “A fiabilidade do cuestionario é elevada, polo que a conclusión principal é que se poderá converter nun instrumento de avaliación de utilidade na investigación das variables psicolóxicas no fútbol”, afirma o autor da tese, que destaca que esta ferramenta pode ser de gran utilidade para os adestradores.