DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Gabinete Psicopedagóxico do campus organiza este mes dúas actividades formativas

Antes de rematar o curso, un pouco de coaching educativo e de intelixencia emocional

Dirixidas ao estudantado interesado en mellorar as súas capacidades persoais

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 21/05/2013

Remataron as clases e os exames e para o estudantado é un bo momento para realizar algún curso antes de coller as vacacións de verán. Para eles e elas, o Gabinete Psicopedagóxico do campus de Ourense ofrece este mes dúas accións formativas de balde e destinadas a axudarlles a mellorar as súas habilidades e capacidades persoais. En concreto, serán dúas iniciativas centradas unha no achegamento ao coaching educativo e outra no adestramento da intelixencia emocional.

Axudar a aprender

O primeiro dos cursos que se impartirá será o de Coaching Executivo, que terá lugar os días 23 e 24 de maio. Con dez horas lectivas e un carácter eminentemente práctico, as responsables do gabinete, Isabel Ferreiro e Conchi Cochón, serán as encargadas de introducir aos participantes nesta disciplina emerxente que potencia as competencias individuais das persoas e que lles axuda a incrementar a súa aprendizaxe e a resolución de conflitos. “A esencia do coaching educativo é a capacidade de saber liberar o potencial do alumno para incrementar ao máximo o seu rendemento, axudándolle a aprender en lugar de ensinarlle. O que produce é un cambio de motivación e de actitudes positivas”, destaca Isabel Ferreiro.

O curso, explica Conchi Cochón, “está dirixido a todo o alumnado do campus interesado en desenvolver unha conciencia de individuo responsable das súas accións”. Deste xeito, durante as horas de formación as docentes axudaránlle aos participantes a desenvolver a reflexión grupal, a escoita activa, a empatía, as competencias comunicacionais e as actitudes reflexivas sobre as condutas que sabotean ou obstaculizan os logros, buscando alternativas para o cambio.

Intelixentemente emocionais

A segunda das formacións, que leva por título Intelixentemente Emocionais, desenvolverase os días 29, 30 e 31 de maio. Cunha duración de 15 horas e un enfoque tamén práctico, o obxectivo do programa é apoiar ás persoas no seu proceso de coñecer e xestionar as súas propias emocións para conseguir unha mellor relación con eles mesmos e cos demais. “A idea é potenciar as súas relacións a través dunha transformación persoal na que se eliminan as barreiras que lles impiden ter un equilibrio emocional saudable”, subliña Isabel Ferreiro.

Con este obxectivo o obradoiro desenvolverase en dúas fases. Na primeira, os participantes accederán ao seu código emocional, autocoñecendo os seus sentimentos e emocións para poder logo guiar a conduta propia. Na seguinte fase, o protagonista será o empoderamento emocional dos asistentes, o fortalecemento do seu código emocional para xerar cambios positivos. Para o desenvolvemento desta formación, alén da docencia de Isabel Ferreiro e de Conchi Cochón, o curso contará coa participación de Iago Santalla, educador social con parálise cerebral que ten desenvolvido en diferentes publicacións e conferencia a súa teoría sobre o “ilímite” do ser humano, un concepto de superación que intentará explicar e transmitir ás persoas asistentes ao curso.

O estudantado que desexe inscribirse nalgún destes cursos poden facelo ata esgotamento de prazas no Gabinete Psicopedagóxico do campus de Ourense, poñéndose en contacto con el a través do enderezo electrónico gpourense@gmail.com ou no teléfono 988 368 913. Facendo os dous cursos e asistindo a todas as clases concédese un crédito ECTS ou dous créditos de libre configuración.