DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A responsable da Vicerreitoría mantivo unha xuntanza co concelleiro de Educación, Agustín Fernández

Antonia Blanco despídese como vicerreitora dun campus con identidade

O edil resaltou o traballo desenvolto pola Universidade para potenciar as relacións co municipio

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 16/04/2014

Nas próximas semanas Juan Manuel Corbacho, actual decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, tomará o relevo de Antonia Blanco á fronte da vicerreitoría do campus de Pontevedra. Por ese motivo, o concelleiro de Educación, Agustín Fernández, visitou este mércores a Casa das Campás co obxectivo de trasladarlle á vicerreitora en funcións o seu agradecemento polo labor realizado ao longo dos últimos anos, unha etapa na que, como resaltou Blanco, o campus pontevedrés foi “adquirindo unha maior madurez e avanzando na súa estruturación sen perder a súa identidade”.

Chegado o momento de facer balance de “case 20 anos na xestión do campus de Pontevedra”, os catro últimos á fronte da Vicerreitoría, Blanco recoñece que a etapa que se pechará nas próximas semanas resultou “moi satisfactoria e moi enriquecedora persoal e profesionalmente”. Por iso, agradeceu publicamente “o traballo de todos os meus compañeiros do campus: profesores, PAS e alumnado, que sempre facilitaron o noso labor”, Neste senso, Blanco salientou o traballo desenvolvido no campus para a reestruturación das diferentes titulacións que implicou a implantación do plan Boloña, “un momento difícil, de cambio en todos os sentidos, que se levou a cabo cunha gran madurez grazas aos profesionais que temos”. A este respecto, a vicerreitora salientou que a implantación dos graos no campus contribuíu a “seguir estruturando as titulacións do campus de Pontevedra”. Así mesmo, Blanco fixo énfase no traballo desenvolto nos últimos anos para “xerar sinerxías entre a cidadanía de Pontevedra e a comunidade universitaria”.

Por outra banda, Blanco expresou o seu apoio ao que será o seu sucesor á fronte da Vicerreitoría, Juan Manuel Corbacho, a quen corresponderá avanzar no traballo realizado nos últimos anos en “proxectos que se atopan xa a punto de consolidarse” como o plan de especialización do Campus CREA ou a obtención da Bandeira Verde para o campus pontevedrés no marco do programa Green Campus, un programa da FEE (Foundation for Enviromental Education) que recoñece as actuacións en materia de xestión e educación ambiental de facultades e campus.

Fortalecemento das relacións co Concello

Blanco realizou este breve balance da súa etapa á fronte da Vicerreitoría ao remate dunha reunión co concelleiro de Educación, Agustín Fernández, que destacou o traballo realizado desde a Universidade para fortalecer as relacións entre a institución académica e o Concello de Pontevedra, “que axudaron a crear un campus hoxe xa importante en Galicia”. Neste senso, Fernández aludiu á creación, no anterior mandato na administración municipal, dunha comisión Concello-Universidade, que contribuíu a “normalizar as relacións entre ambas institucións”. Por todo isto, o edil trasladou a Blanco o seu “agradecemento polo traballo realizado e tamén que esperamos seguir contando coa súa colaboración, na medida das súas posibilidades, naquilo que desde o Concello poidamos levar adiante”.