DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na conferencia europea anual da entidade celebrada na República Checa

Antonio Sartal, elixido investigador novo do ano pola Industrial Engineering and Operations Management International Society

En recoñecemento á súa traxectoria e contribucións neste eido

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Premios
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI 01/08/2019

Antonio Sartal, investigador do grupo Rede (Research Group in Energy, Innovation and Environment) da Universidade de Vigo, vén de recibir o premio de investigador novo do ano da Engineering and Operations Management International Society. O galardón concedéuselle na conferencia europea anual da entidade celebrada recentemente na cidade de Pilse, na República Checa, “pola súa traxectoria no ámbito da investigación, os seus logros e liderado, e pola súa contribución aos valores, obxectivos e misión da profesión de enxeñaría industrial”.

“Este recoñecemento supón unha dobre satisfacción para min. Por unha banda, é unha honra recibir este premio de man dalgúns dos principais investigadores na miña área de traballo. Doutra banda, este premio tamén recoñece a miña traxectoria no ámbito profesional, así como o labor de transferencia levado a cabo durante os últimos anos”, comenta o galardoado. Este tipo de recoñecementos, indica, “veñen a reflectir o bo facer tanto do noso grupo de investigación como da agrupación estratéxica Ecobas (Economics and Business Administration for Society) na que nos integramos”, indica Antonio Sartal. Aínda que se trate dun premio individual, subliña como lle gustaría “destacar a contribución imprescindible dos meus colegas do grupo Rede da Universidade de Vigo para alcanzar esta distinción, sen dúbida é un premio que tamén lles corresponde a eles”. Así, o investigador destaca como os traballos valorados para a concesión do premio “son o resultado dunha axenda de investigación común” e “froito do traballo en equipo e do coñecemento multidisciplinar que permiten este tipo de agrupacións”. Ademais dos seus compañeiros de grupo, tamén destaca “o traballo desempeñado pola área transferencia do grupo, que converte as nosas ideas en proxectos de éxito e de gran valía para a nosa contorna máis próxima”.

Sobre a relevancia da entidade que concede o premio, o investigador da Universidade de Vigo sinala como a Industrial Engineering and Operations Management International Society “é unha rede internacional integrada por prestixiosos académicos e profesionais que promove o desenvolvemento da enxeñaría industrial e a xestión de operacións”. Con membros en máis de 60 países, indica Antonio Sartal, a entidade ten como obxectivo principal fomentar o pensamento crítico a nivel mundial e a súa utilización efectiva no campo da enxeñaría industrial establecendo redes entre o ámbito académico e profesional, especialmente en países emerxentes. Co fin de apoiar aos académicos e académicas na discusión e diseminación de investigacións de maior calidade e impacto, esta sociedade internacional, comenta, realiza periodicamente conferencias académicas en Europa, América, África e Asia, celebrándose a última delas na República Checa do 23 ao 26 de xullo.

Traballando pola empresa do futuro

Para esta conferencia Antonio Sartal, enxeñeiro en Organización Industrial e enxeñeiro Técnico Industrial pola Universidade de Vigo e doutor en Organización de Empresas pola Universitat de Girona, enviou varios traballos de investigación que realiza en colaboración con investigadores do grupo Rede, da Universitat de Girona e a Universidade Nova de Lisboa. “Unhas semanas antes de celebrarse o congreso pedíronme o meu curriculum e dixéronme que estaba nomeado ao premio a investigador novo do ano polas miñas contribucións académicas e profesionais no ámbito da enxeñaría industrial, así como polo labor de transferencia ao tecido industrial levado a cabo ata o momento”, lembra o investigador.

Concretamente, na cita celebrada en República Checa Antonio Sartal presentou os traballos Exploring the potential of new technologies in lean shop- floors: do industry 4.0 resources really matter?; Organizational tools and cultural change in the success of lean transformations: taking stock and looking ahead to unravel the right sequence and rhythm e Decarbonizing the shop-floor in lean environments: trade-offs and productivity results. Estes traballos, indica, forman parte da súa axenda de investigación, compartida con outros compañeiros do grupo Rede e titulada From lean process improvement to lean-green innovation: how organization and industry 4.0 technologies can lead to a competitive and low-carbon extended enterprise. Inspirada polo programa europeo de I+D Factories of the Future, esta axenda de investigación, apunta o investigador, pretende deseñar un proceso de innovación eficiente e baixo en carbono apoiándose nas novas tecnoloxías e contemplando toda a cadea de valor. “A través dos programas de excelencia operacional e apoiándonos nas tecnoloxías asociadas á industria 4.0, pretendemos deseñar a empresa do futuro: unha empresa sostible (con menos emisións de CO2) na loita contra o cambio climático pero que á súa vez poida mellorar a súa eficiencia e polo tanto a súa competitividade”, comenta Antonio Sartal.