DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os profesores Chechu Pérez e Alberto Dafonte son os editores do catálogo

O anuario de Creatividade Galega vólvese máis selectivo

De case 2000 anuncios presentados para a quinta edición, soamente escolleron os cen mellores

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijoo DUVI 30/09/2011

A crise prexudica ao peto, pero agudiza o enxeño. Baixo esta premisa sae á luz a quinta edición do anuario de Creatividade Galega, promovido por Chechu Pérez e Alberto Dafonte, profesores da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, que recolle os mellores anuncios de sinatura galega do 2010. O catálogo, que foi presentado este xoves en Santiago de Compostela, inclúe unha selección rigorosa de cen traballos que foron escollidos entre case 2000 propostas enviadas. “Este ano foi no que máis axencias, estudos de deseño e empresas de comunicación participaron, pero tamén é a vez na que menos obras conforman Creatividade Galega”, explicaron os editores.

Esta selección máis rigorosa provén da necesidade de dar un salto cualitativo e ofrecer unha publicación "máis selectiva e coidadosa”, o que supón un maior esforzo “para procurar a excelencia, amosar o mellor do mellor e facelo coa calidade que as pezas seleccionadas merecen”. Este anuario 2010 é o primeiro que edita a nova asociación profesional de publicistas de Galicia xurdida ao abeiro deste catálogo, “adquirindo un certo valor simbólico por ser a culminación dunha etapa na que xa podemos falar dun proxecto maduro e consolidado”. Aínda que a selección de traballos sexa menor “non perde a pluralidade e representatividade que caracteriza ao catálogo, xa que está aberto á participación de todos, asociados ou non”, aseguraron os profesores.

A publicidade, un estímulo económico

No acto de presentación da publicación tamén estivo presente Alfonso Cabaleiro, secretario xeral de Medios da Xunta de Galicia, quen destacou que este tipo de publicacións “serven para dar a coñecer o traballo publicitario feito en Galicia e o magnífico estado de forma dos seus profesionais”, ademais de defender a importancia da actividade publicitaria como “dinamizadora da economía”. A Secretaría Xeral de Medios colabora estreitamente coa asociación na organización de actividades divulgativas “para que os anunciantes galegos e non galegos contraten publicidade 'made' in Galicia”. Así, nos próximos meses está prevista a organización dunha exposición retrospectiva da publicidade galega que comezará en Madrid e Barcelona e rematará en Galicia.

Nova sección de ‘campañas’

Froito do feedback cos membros da asociación, o anuario de 2010 incorpora unha nova sección, a de campañas, categoría na que se pode apreciar o conxunto creativo dunha serie de pezas relacionadas. Imaxe corporativa, embalaxe, gráfica, exterior, deseño editorial, deseño online, audiovisual, soportes alternativos e promesas conforman o resto da clasificación da produción publicitaria galega que contempla o anuario. No apartado de promesas, Creatividade Galega recolle os traballos de estudantes de deseño e publicidade dos centros galegos, entre os que se inclúe a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, onde se imparte a titulación de Publicidade e Relacións Públicas. Deste xeito, o catálogo recolle, non só o mellor dos traballos xa publicados senón as primeiras producións dos futuros protagonistas galegos deste sector.

Creatividade Galega é unha iniciativa que naceu en 2005 da man de Chechu Pérez, Alberto Dafonte e Eva Quintas e que ofreceu a posibilidade de vincular a produción científica co desenvolvemento do traballo gráfico das axencias, estudos de deseño e empresas de comunicación, “dando a coñecer o bo facer dos publicistas galegos”.