DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Sinalou o “papel fundamental da universidade” na aposta pola inovación

Anxo Quintana presentou o labor realizado na última lexislatura como aval das súas promesas electorais

O candidato do BNG expuxo o seu plan e atendeu aos estudantes

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 10/02/2009

As modificacións nas partidas orzamentarias para educación, o futuro dos licenciados na actual situación económica ou unha invitación a entrar na rede social Tuenti foron algunhas das cuestións presentadas este martes polos universitarios ao candidato do Bloque Nacionalista Galego á Xunta de Galicia, Anxo Quintana, que defendeu a cita do 1 de marzo como “un dos procesos electorais máis importantes para BNG porque é a primeira vez que a cidadanía o considerará despois dun período de goberno”.
O representante do BNG agradeceu a posibilidade que lle brindou a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación para “expresar ideas e escoitar as propostas dos estudantes”. Precisamente o seu decano, Alberto Pena e o coordinador das Xornadas sobre as eleccións ao Parlamento galego, Borja Dapena, foron os encargados de presentalo. Pena ofreceu a dispoñibilidade “da facultade para facer país” e Dapena agradeceulle a súa reposta “á necesidade dos universitarios de preguntar directamente aos candidatos que despois estarán no Parlamento”.
O orgullo e a confianza en que os proxectos lanzados ao longo da última lexislatura actuarán como aval das promesas electoriais guiaron cada un dos puntos abordados por Anxo Quintana. Segundo afirmou “o nacionalismo galego propón un proxecto con tres características: unha política para resolver os problemas da xente e xenerar benestar para os cidadáns, un programa transformador e o compromiso coa defensa dos intereses do país”. Quintana apostou polo “estilo propio” do BNG para facer da política “a arte de convertir en posible aquilo que é necesario” e expresou o seu convencemento de que “calquera cidadán que opine honestamente recoñecerá que onde está o BNG, a defensa dos intereses de Galicia é un feito”. A construción do Sistema Galego de Benestar para atender ás persoas máis dependentes e necesitadas foi un dos exemplos achegados por Quintana como “a demostración de que o peso das políticas sociais é unha cuestión de orzamentos e prioridades”. Neste sentido, tamén anunciou a creación dun Instituto de Crédito Oficial “entendido como banco público que cubra o que a banca non está facendo” como un dos proxectos do seu plan electoral.

As inquedanzas do alumnado

O alumnado reunido na aula solemne Xan Bouzada quixo coñecer os plan de Quintana para o ensino e algúns amosaron o seu temor de que estas partidas orzamentarias minguasen con motivo da crise económica. O candidato do BNG sinalou ao respecto que “en situacións de crise, os menos favorecidos son os que sofren as consecuencias máis graves e o nacionalismo galego camiñará no sentido contrario, reformando os servizos de benestar”. Ante ese futuro incerto, o actual vicepresidente da Xunta tamén foi cuestionado sobre as perspectivas dos que acaban de licenciarse. Neste sentido, apuntou que “a xeración de emprego en Galiza non pode estar ligada a un proxecto de desenvolvemento que teña como horizonte a produción con man de obra barata” senón que “hai que apostar pola innovación” onde “a universidade xoga un papel fundamental”. Quintana considerou que “o problema do financiamento universitario debe entenderse non como un gasto senón como un investimento”. “Isto non é un xogo de pedir-dar senón de marcarnos obxectivos comúns para xerar emprego de calidade”, apuntou.
O candidato do Bloque Nacionalista Galego tamén recibiu algunha “reprimenda” dos estudantes que, ante un auditorio fundamentalmente formado no sector da comunicación, lle aconsellaron que "entrase en Tuenti para achegarse a un electorado máis novo". “Feijóo xa o ten”, comentáronlle. Quintana, que si esta noutra rede social como Facebook, prometeu considerar a suxerencia e confesou que lle resulta “ilusionante ver como na rede se colocan soportes informativos con formas novidosas pero conectadas directamente coa tradición galega”.

O xoves, Alberto Núñez Feijóo

Quintana deu o pistoletazo de saída a estas Xornadas sobre as eleccións ao Parlamento galego, que continuarán o xoves coa visita de Alberto Núñez Feijóo á Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Segundo afirmou o decano, os organizadores seguen a intentar que Emilio Pérez Touriño tamén atope un oco na súa axenda e poida participar nas xornadas. Deste xeito, cumpriríase co obxectivo desta iniciativa para que os universitarios galegos vivan máis de preto un proceso vital para o sistema democrático.