DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Realizará unha presentación do seu programa e atenderá ás preguntas dos estudantes

Anxo Quintana visitará a facultade de CCSS e da Comunicación con motivo da "Xornada sobre as eleccións ao Parlamento galego"

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 05/02/2009

O venres da vindeira semana darase o pistoletazo de saída á campaña electoral das eleccións ao Parlamento de Galicia. Pero antes, o martes, os alumnos do campus terán a posibilidade de escoitar as propostas do candidato do Bloque Nacionalista Galego, Anxo Quintana, e o que aínda é máis importante, plantexarlle preguntas sobre os temas que máis lles preocupan. A iniciativa desta sorte de Señor Quintana, teño unha pregunta para vostede partiu dun alumno da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Borja Dapena. Segundo explica, “cursamos invitacións aos tres candidatos, a Emilio Pérez Touriño, do PSOE, Alberto Núñez Feijoo, do PP, e Anxo Quintana, do BNG; aínda que finalmente, por motivos de axenda, só poderá asistir este último”.
A visita de Quintana terá lugar o 10 de febreiro, a partir das 12.00 h na aula solemne Prof. Dr. Xan Bouzada. Trala presentación do candidato, que realizará o propio Dapena como coordinador da xornada, o candidato do BNG disporá de 25 minutos para expoñer o seu programa electoral. A continuación, e durante media hora, os asistentes poderán formularlle as súas preguntas. O decano da facultade, Alberto Pena, actuará de moderador do encontro.

Importancia dos universitarios no electorado

Dapena, que actualmente está traballando na súa tese, titulada Investigación publicitaria de la campaña electoral municipal de la ciudad de Pontevedra en el año 2007: BNG, PSOE e PP, comenta que o que quere é “reivindicar a importancia dos universitarios, porque os partidos adoitan pasar deles”. Foi esa idea a que inspirou a organización desta xornada que, en principio, constaba de tres citas, en días consecutivos, para que cada candidato tivese a súa oportunidade de achegarse ao alumnado universitario.