DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Expoñen un mural colectivo na rúa froito do Obradoiro de Arte Urbana

Ao alumnado de Belas Artes quédaselle o lenzo pequeno

A través da técnica do papel encolado crearon unha peza conxunta pero de temática libre

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijoo DUVI 28/10/2011

Abrir a mente ás posibilidades que ofrece a arte máis reivindicativa e revolucionaria do momento. Baixo esta premisa, o Departamento de Pintura da Universidade de Vigo organizou para o alumnado da Facultade de Belas Artes un obradoiro sobre arte urbano no que afondaron na técnica do papel encolado como alternativa a outros soportes. O resultado do curso materializouse nun mural colectivo emprazado na rúa Isabel II, no casco vello da cidade de Pontevedra, composto por debuxos, recortes, graffitis, formas... no que cada artista plasmou o seu estilo propio.

O curso, impartido polo artista Carlos Gómez Martín, Pelucas, ten como obxectivo achegar ao alumnado novas técnicas que permitan crear e traballar de xeito pausado e meditado nun lugar pechado, aínda que a obra estea pensada para unha intervención na rúa. Unha desas ferramentas é o papel encolado, que se basea en pegar todo tipo de papel xa pintado e editado nunha parede. “Primeiro esparéxese cola polo muro, despois pégase o papel e de novo vólvese encolar para que quede ben fixo”, explica Pelucas. É o mesmo procedemento de pegada de anuncios pola rúa, “pero ben feito”. Esta técnica ofrécese como alternativa a pintar directamente sobre a parede, o que fai máis sinxelo a futura retirada da obra. Ademais, a diversidade de soportes, como diferentes tipos de papeis (pinocho, de seda, transparentizado, de estraza..), telas e materiais reciclados empregados, danlle á creación un aspecto “innovador e experimental”, ofrecendo resultados “moi interesantes” ao interactuar as diferentes texturas na rúa.

Coñecer todas as alternativas

A maior parte do alumnado apuntouse ao curso polas potencialidades que ofrece o encolado en canto á visibilidade das súas creacións. Así, Iria Araújo comenta que nas artes plásticas, “cantas máis técnicas aprendas mellor”, xa que permite enriquecer o coñecemento “e investigar outros camiños e alternativas”. Pola súa banda, Ricardo e Alberto González embarcáronse nun proxecto común. Botando man da pintura plasmaron en papel e dun xeito moi colorido a Vladimir Dragossan, un personaxe pontevedrés moi coñecido. “O encolado é unha técnica moi aplicable co graffiti, algo que nos apaixona, polo que nos pode servir para futuros proxectos”, comentan. Para Alba Fandiño, autora dunha serie de coellos feitos con aerosois a partir dunhas molduras deseñadas previamente, o encolado ábrelle moitas portas, “pois sempre traballei con papel e a partir de agora poderei probar cousas novas e diferentes”.

A arte urbana, de moda

A pesar de que en outras partes do mundo a arte urbana xa ten moito avanzado, “en Galicia empézase a pór agora de moda”, puntualiza o profesor do curso. Sen embargo sostén que aínda existen moitas trabas para poder materializala na rúa, "pola mentalidade pechada da xente, a pesar de que ao final lles acabe agradando os resultados", aclara Pelucas. Considera que a masificación da arte urbana ten as súas desvantaxes “pois que todo o mundo se suba a este carro provoca que a obra acabe perdendo valor”. Unha arte que naceu na rúa como símbolo de protesta e de reacción, atopa nas novas xeracións os seus mellores defensores “que veñen pisando forte con moita información e ideas grazas a ferramentas como internet”, conclúe o profesor.