DUVI

Diario da Universidade de Vigo

ForumEmprego 2012 pecha a súa undécima edición no campus de Pontevedra

Ao alumnado universitario tócalle xogar na liga europea

Luis Gago, da Fundación Galicia Europa, explicou as oportunidades laborais en organizacións internac

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 18/05/2012

“As regras do xogo cambiaron polo que temos que mudar a nosa actitude á hora de buscar traballo”. Así se expresou Luis Gago, asesor técnico da Fundación Galicia Europa na undécima edición de ForumEmprego Universitario, que hoxe se clausura no campus de Pontevedra tras o seu paso por Vigo e Ourense. Gago compartiu cos 50 alumnos e alumnas matriculados na xornada a importancia de ampliar o “radio de acción” das súas oportunidades laborais “xa que a realidade actual obríganos a xogar na liga europea, non só buscando na contorna máis próxima como estabamos acostumados”.
Ante a necesidade de rastrexar as posibilidades laborais que poida ofrecer Europa, a Universidade de Vigo, en colaboración coa Rede EURES, organiza dende hai 11 anos o ForumEmprego para facilitar ao alumnado unha serie de ferramentas que axilicen o proceso e acheguen información de utilidade nesta busca da empregabilidade internacional. Na súa intervención, Luis Gago aludiu a unha falta de coñecemento do universitario das oportunidades laborais alén das fronteiras españolas, en parte debido “a que estamos ante unha realidade nova na que non hai experiencia previa pois normalmente atopábase traballo no ámbito máis próximo”.

O asesor técnico da Fundación Galicia Europa “abriulles os ollos” a moitos dos presentes sobre o tipo de bolsas e prácticas profesionais ás que poden presentarse dentro do contexto europeo. A fundación, que actúa como representante de Galicia na Unión Europea, dispón dun programa formativo a través do cal facilita información e contactos para realizar prácticas nas institucións comunitarias da UE ademais de publicar unha guía que recolle dunha forma sinxela e clara unha lista das bolsas de emprego en outras institucións europeas. “Aínda que a moitos estudantes lles parece de ciencia ficción, existen oportunidades para traballar en organizacións como Nacións Unidas, o Banco Mundial, Unicef, Organización Mundial do Comercio... con requisitos non moi esixentes e con oferta para todo tipo de perfís profesionais”, sinalou Gago.

Dominio de idiomas, ferramenta imprescindible

A chave que abre a porta ás bolsas e prácticas para desempeñar tarefas profesionais no estranxeiro é o dominio de idiomas, “un requisito básico e ineludible”, apuntou Gago, incluso máis importante que o expediente académico. “Aqueles profesionais que deixaron o idioma co nivel de instituto só poderán orientar a súa perspectiva laboral a nivel nacional ou autonómico”, sinalou o convidado, resaltando así a necesidade de acompañar a formación universitaria co estudo de idiomas, non só do inglés, senón tamén de alemán e francés. “É unha mágoa que se pense que a Universidade comeza e remata con exames finais, polo que sería necesario establecer un certo tipo de obrigatoriedade na formación en linguas estranxeiras”, declarou. Non obstante, Gago animou a todo o alumnado a presentarse a este tipo de convocatorias xa que, “a pesar de que se compite cun maior número de candidatos doutros países, os universitarios españois están ben preparados polo que hai que deixar atrás os medos e os complexos de que non estamos cualificados para traballar para as Nacións Unidas en Nova Iorque”.

Bolsas Erasmus Prácticas

Ademais da información sobre as prácticas xestionadas a través da Fundación Galicia Europa e da Rede EURES, os alumnos e alumnas tamén coñeceron as vantaxes dunha bolsa Erasmus Prácticas, cuxo prazo de presentación de solicitudes remata o 31 de maio. Esta convocatoria, financiada pola UE, “permite realizar unha estadía en prácticas en empresas ou institucións nun país europeo durante a etapa universitaria”, aclara Henar Quintas, responsable da xestión das prácticas Erasmus na Universidade de Vigo. Advertiu que este tipo bolsas non teñen como obxectivo a aprendizaxe dun idioma estranxeiro, “máis ben é unha primeira experiencia profesional nun contexto laboral real e débese estar preparado para ese reto”. Emilia Seoane, conselleira EURES da Universidade de Vigo e responsable das xornadas, compartiu cos asistentes a utilidade do currículo europeo Europass, ao que se dedica parte das sesións do ForumEmprego. Este currículo, explicou Seoane, “é a ferramenta imprescindible” para poder enfrontarse ao reto de buscar traballo fóra de España.