DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Gabinete Psicopedagóxio organiza un curso de risoterapia

Ao mal tempo... unha gargallada

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 20/01/2012
Este é o espírito da risoterapia, un xeito de desenvolverse na vida con bo humor, de aprender a rise para aprender a relaxarse. É por iso unha ferramenta moi beneficiosa para enfrontarse ao mundo no que vivimos cunha "máscara seria" autoimposta, como describe a responsable do Gabinete Psicopedagóxico, Rocío Iglesias. Ela será a encargada de achegar ao estudantado este tipo de terapia nun curso que se desenvolverá o vindeiro 29 de febreiro co fin de desterrar a crenza de que “a risa é incompatible coa responsabilidade”. Segundo ela mesma explica, “ensinar a sorrir é un dos grandes regalos que podo ofrecer” e farao a través dun obradoiro eminentemente práctico, con gran cantidade de actividades onde, a través dun clima de respecto e confianza, “o imos pasar moi ben e, á vez, atoparémonos con nós mesmos”.

Na procura da risa

Tras un breve paseo teórico sobre a risoterapia, os seus principios, beneficios e aplicacións, o obradoiro centrarase en realizar actividades para “espertar o neno ou nena interior que todos levamos dentro”, apunta Rocío Iglesias. Os asistentes practicarán expresión corporal, confianza cun mesmo e cos demais, ritmo, música... “e algunha que outra sorpresa”. Por iso a responsable do Gabinete Psicopedagóxico recomenda deixar na casa calquera tipo de expectativa respecto ao obradoiro, porque se alguén asiste pensando en rir a gargalladas, “ese mesmo pensamento impediralle gozar; non é obrigatorio rir, pero si ter ganas de pasalo ben e de vivir novas experiencias, volver á infancia e divertirse coma nenos e nenas”.

A metodoloxía deste curso aséntase principalmente en xogos, maiormente en grupo, “porque a risa é moi contaxiosa”, lembra. A idea é traballar para acadar benestar físico e mental, paliando o insomnio e a depresión, descargando tensións e cortando pensamentos e emocións negativas. Trátase de “facilitar a comunicación entre as persoas, axudar a expresar emocións, facilitar a proximidade cos demais, aumentar a creatividade e a imaxinación...” explica a psicopedagoga. Pero tamén hai unha vertente máis tanxible, xa que os beneficios da risoterapia tamén se poden aplicar a enfermidades corporais, “sendo eficaces no alivio de dixestións, mellora a respiración, reforza o sistema inmunolóxico, fortalece o corazón... e conseguimos tamén, a oportunidade de vivir a nosa alegría, promovendo a dos demais. Considero que é a mellor obrade arte que o ser humano pode lograr que é pintar un sorriso na cara dos demais”.

Matrícula

O curso desenvolverase o vindeiro 29 de febreiro de 17.00 a 20,30 horas. En total hai 30 prazas para estudantes da Universidade de Vigo en todos os seus campus e centros adscritos. O custe do obradoiro é de 4,5 euros por estudante, 3€ se son bolseiros. A matrícula debe facerse efectiva na oficia de Extensión Universitaria.