DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Investigadores do GEAAT traballan na recreación experimental da fabricación de obxectos do pasado

Ao pé da fogueira facendo metalurxia prehistórica

O obxectivo é avanzar no estudo desa época ao mesmo tempo que se fai divulgación científica

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 31/10/2013

Ao pé da fogueira e facendo alquimia entre a arqueoloxía, a química e a artesanía. Deste xeito, investigadores do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo desenvolven a súa liña de traballo centrada na arqueoloxía experimental, liña que busca entender como o ser humano fabricaba na prehistoria obxectos de metal. Beatriz Comendador e Aaron Lackinger volven a ollada miles de anos atrás e, manipulando os materiais tal e como hipoteticamente o facían os antepasados, tratan de entender mellor a historia daquel tempo.

Esta liña de traballo, destaca Beatriz Comendador, xurdiu a raíz do proxecto de investigación arredor do chamado disco de Urdiñeira e materialízase na realización de diferentes experimentos nos que se funde bronce e estaño para a reprodución de pezas da prehistoria. A última desas experiencias tivo lugar o pasado 26 de novembro no Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, no marco das xornadas Transformando materiais. Unha aproximación interdisciplinar á produción de obxectos de bronce, nas que se fomentaba o diálogo entre 40 creadores de obxectos de bronce (artistas e artesáns) e expertos na produción e uso deses obxectos no pasado (arqueólogos, historiadores, restauradores-conservadores e químicos).

Cadea técnica e procesos

“Nos experimentos, por un lado reproducimos a cadea técnica, a produción en bronce de materiais por diferentes métodos, e por outro, recreamos eses procesos, vemos se a teoría se axeita á práctica, e facémonos novas preguntas para a investigación”, explica Beatriz Comendador sobre a metalurxia experimental. Os obxectos resultantes, apunta, son comparados cos que aparecen nas escavacións arqueolóxicas, o que permite seguir avanzando no coñecemento de como vivían esas sociedades prehistóricas.

Como exemplo do tipo de experimentos que realizan, a decana da Facultade de Historia cita os dous máis recentes, os realizados en Campo Lameiro, levados a cabo coa colaboración da investigadora Elin Figueiredo, da Universidade Nova de Lisboa. “Nesta ocasión fixemos unha machada tipo Barcelos, que foron as primeiras pezas producidas na metalurxia da prehistoria no noroeste peninsular. A técnica que empregamos foi a fundición directa nun molde que á súa vez foi feito cunha pedra rica en talco extraída dunha mina, tal e como pensamos que se fabricaban na época”, comenta Beatriz Comendador. Na segunda experiencia Aaron Lackinger fixo unha reprodución dun disco de bronce de Urdiñeira que se atopa no Museo Arqueolóxico de Ourense, de 3000 anos de antigüidade e datado no final da Idade de Bronce. Neste caso, a técnica empregada foi a da cera perdida, que consiste en facer un molde en cera, revestilo de capas de arxila e area, cocelo e, tras evaporarse a cera, enchelo con bronce fundido.

Valor didáctico

Estas experiencias, apunta Beatriz Comendador, teñen un rédito científico pero tamén un rédito divulgativo, xa que as realizan habitualmente diante de público interesado. “Poderíamos facelos experimentos nós sós, pero unha das nosas bandeiras é socializar o noso traballo, interactuando coa xente e aproveitando toda a capacidade didáctica que teñen este tipo de accións”, subliña. A xente, explica, é moi participativa nesta clase de iniciativa e márchase delas especialmente satisfeita porque lle permite entender mellor e dun xeito máis atractivo un anaco da historia.