DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O director da Escola de Enxeñería Industrial anima ao novo alumnado da maior escola de Galicia

Apaixonádevos!

Pou Saracho inaugurou o curso académico nos centros de Torrecedeira e do campus

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 12/09/2011
O paraninfo das dependencias de Torrecedeira e as do salón de actos das instalacións do campus quedaron pequenas este luns para acoller os actos de benvida ao alumnado de novo ingreso da unificada Escola de Enxeñaría Industrial, a maior escola universitaria de Galicia. Decenas de estudantes ateigaron as salas nas que o director do recentemente fusionado centro, o catedrático Juan Pou Saracho e o responsable de Formación e Contratación de PSA-Peugeot Citroën, Antonio Garrote, exhortáronos a traballar con “paixón” desde o primeiro día desta nova etapa formativa que hoxe comezan.

“Hai que quitarse o traxe do instituto e poñerse o mono de traballo desde o primeiro día”, dixo Pou nas súas intervencións tanto en Torrecedeira como no campus ao tempo que animou ao alumnado o primeiro curso dos seis graos que se imparten na Escola a “apaixonarse e collelo con ganas”, compatibilizando a formación cos restantes aspectos da vida. Pola súa banda o responsable de Formación e Contratación de PSA-Peugeot Citroën, Antonio Garrote, compartiu co estudantado algunhas das claves da multinacional francesa e en especial da factoría de Vigo que apuntou como unha gran saída para os titulados da área de enxeñería industrial. O acto de benvida completouse coas intervencións dos responsables de Organización Docente e Alumnado, Relacións Exteriores, representantes da Delegación de Alumnos ou do Servizo de Deportes e da Biblioteca Universitaria.

Unha testemuña centenaria

O director da Escola de Enxeñería Industrial incidiu no seu discurso no carácter centenario dunha titulación que leva décadas incorporando ao mercado laboral nacional e mesmo internacional a profesionais que agora trala fusión de ambos centros, “comparten dereitos e deberes”, dixo Pou. “Agora sodes vós os que recolledes a testemuña doutros que empezaron hai un século na Escola”, dixo o tempo que lembrou que a conversión das titulacións en graos “non é só un título cun nome distinto, senón que cambia o sistema de docencia cunha avaliación continua desde o primeiro día”.

Pou Saracho animou ao alumnado a deixar a un lado ás incertezas propias desta nova etapa e aproveitar o tempo.” Sodes donos do futuro”, dixo ao novo estudantado ao que animou a “aplicar o voso poder a vosa formación. Anímovos porque esta é unha profesión apaixonante”, asegurou.

Na procura dos mellores profesionais

As posibilidades de incorporación que os titulados e tituladas na área de Enxeñería Industrial teñen nunha empresa como Citröen foi unha das mensaxes enviadas polo responsable de Formación e Contratación da multinacional francesa ao estudantado de novo ingreso da Escola de Enxeñaría Industrial. Antonio Garrote que lembrou a súa época como estudante de enxeñería lembrou a importancia da factoría viguesa no grupo asegurando que “o centro de Vigo quere ser unha referencia para o que ten que ter os mellores profesionais”.

Capacidade de adaptación, flexibilidade e comunicación, foron tres claves ás que Garrote aludiu para explicar o funcionamento da multinacional. No caso da factoría viguesa o responsable da Formación fixo referencia a ela asegurando que se trata dunha “fábrica moi compacta” aproveitou a súa intervención para afirmar que o apego que os galegos senten pola terra “acabou” nun mundo global como no que vivimos.

Preto de 5000 estudantes prevese que cursen os seis graos que se imparten na Escola na que imparten clase 350 docentes e na que tamén se poden cursar 11 másters.