DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A partir do 18 de agosto

Apertura nocturna e en fin de semana da biblioteca de Torrecedeira e das centrais de Pontevedra e Ourense

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Romina Vázquez DUVI 29/07/2008

Ante a proximidade dos exames extraordinarios de setembro, as bibliotecas centrais dos campus de Pontevedra e Ourense, así como a de Torrecedeira, ampliarán os seus horarios de apertura para facilitar o estudo a aqueles que teñen materias pendentes. Deste xeito, tanto polas noites como nas fins de semana, os estudantes que así o precisen disporán dun lugar axeitado para reencontrarse con libros e apuntes unha vez finalizado período de descanso. “Polo de agora a ocupación é baixa, pero a medida que avance o mes de agosto a afluencia aumentará progresivamente”, tal como explica Gerardo Marraud, director da Biblioteca Universitaria, que salienta a boa acollida que esta iniciativa ten entre o alumnado dende que se puxo en marcha no curso pasado.

Horarios de apertura nocturna e en fin de semana

Entre o 18 de agosto e o 18 de setembro, as bibliotecas manteranse abertas en quenda nocturna, se ben os horarios de peche variarán. Así, dende as sete da tarde ata as doce da noite no mes de agosto, e ata as tres da mañá en setembro, os estudantes terán libre acceso aos postos de estudo.
Pola súa banda, a apertura na fin de semana levarase a cabo os días 23, 24, 30 e 31 de agosto en horario de nove da mañá a sete da tarde; e o 6, 7, 13 e 14 de setembro de oito da mañá a dez da noite.