DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Mato demanda un modelo de financiamento universitario en función de resultados

Apertura á sociedade, implicación nas iniciativas e convicción nos proxectos compartidos, alicerces do proxecto do novo reitor

Referiuse á cultura e ao idioma como “a nosa mellor tarxeta de presentación no mundo”

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 18/06/2010

“Unha universidade aberta á sociedade, implicada coas iniciativas institucionais e privadas, con maior ambición e coa firme convicción de que só medrarán os proxectos compartidos”. Nestes termos definiu Salustiano Mato o seu proxecto como reitor da Universidade de Vigo nun mandato no que avogou por aspirar a que a institución sexa referente internacional, amosando a fortaleza das súas singularidades e sendo os mellores embaixadores do sur de Galicia no mundo. No seu discurso de toma de posesión Mato sinalou á oferta académica, ao alumnado, á investigación e á transferencia, á sociedade e ás persoas como cerne do seu programa de goberno e incidiu na necesidade de promover un modelo de financiamento coa Xunta de Galicia no que se fomente un contrato programa por obxectivos no que “non perpetuemos a ineficiencia premiándoa”, dixo.
Nun discurso no que non faltaron os agredecementos a súa familia, ao seu grupo de investigación e aos seus antecesores no cargo, Mato avanzou a creación dun novo xeito de valorizar os resultados de investigación coa denominación de “spin out”, referido a novas empresas xurdidas de consorcios, con resultados de investigación que promovan novos produtos procesos e nichos de mercado.
Ademais de situar á identidade, á cultura, e ao idioma, como “a nosa mellor tarxeta de presentación no mundo” o reitor da Universidade de Vigo, referiuse á creación de proxectos e iniciativas estratéxicas en clave de país como Polo das Tecnoloxías da Información e Comunicación ou as relativas á intelixencia loxística na distribución e produción de enerxía.

Internacionalización, demanda de recursos e relación cos actores socioeconómicos

A internacionalización nun contexto de crise económica como o actual é para Salustiano Mato unha obriga para a Universidade que debe ademais “asumir os postulados da estratexia 2020 da Unión Europea e ser vangarda da sociedade na que está inxerida”.
Nunha interpelación directa ao presidente da Xunta, o novo, sinalou a capacidade das institucións académicas galegas para acadar máis recursos externos que a media das universidades españolas. “Presidente”, dixo Mato, “conta vostede cun Sistema Universitario Galego prometedor do que pode esta orgulloso. Coas universidades pode vostede liderar un lobby por Galicia. Póñanos deberes e márquenos obxectivos, nós asumimos o reto”.
Nun momento que Mato definiu como “definitivo”, o reitor incidiu na necesidade de “suar a camiseta” para ser quen de correlacionar as capacidades da Universidade cos plans de investimento do tecido empresarial, “xa que só deste xeito incidiremos no crecemento económico e no emprego”, asegurou. Nesta relación cos actores socieconómicos, Mato, puxo o acento na necesidade de estar co emprendemento, fomentando non só as “spin-off”, senón tamén as que denominou como “spin-out”, empresas xurdidas de consorcios, con resultados de investigación que promovan novos produtos, procesos e nichos e mercado.

O cerne do programa

A oferta académica, o alumnado, a investigación e a transferencia, a sociedade e as persoas foron as cuestión que o novo reitor sinalou como “o cerne do noso programa” e sobre as que fixou unha serie de obxectivos. Así, prestixiar a oferta académica entendendo a adaptación ao EEES como unha oportunidade e non como un pesadelo, é unha das prioridades do novo equipo de goberno e que se traducirá no reforzamento do catálogo de titulacións e no apoio institucional prioritariamente dirixido aos posgraos cun valor estratéxico especial.
A formación integral, a mobilidade e as prácticas externas, así como a inserción laboral dos egresados e egresadas, “para o cal precisamos da complicidade do Goberno Galego e sobre todo unha alianza estratéxica cos axentes socioeconómicos”, dixo Mato, foron os principais obxectivos sinalados polo reitor en referencia ao alumnado.
No capítulo de I+D+i e transferencia o reitor asegurou que “aspiramos a todo e isto significa mesturarnos, compartir os nosos proxectos coa iniciativa privada, e participar en propostas externas “. Mato fixou como un reto da Universidade para os próximos anos o de estender a cultura da investigación e integrala de xeito eficiente na docencia, así como a potenciación dos grupos de investigación competitivos e a estimulación dos agrupamentos. Sobre a transferencia o reitor asegurou que “constitúe o principal desafío para a nosa institución” e cualificouno como “o paso definitivo para lograr o apoio total da cidadanía, de que os gobernos nos vexan como un investimento e non como un gasto e que nós mesmos poidamos incrementar a nosa autonomía financeira”.
A promoción dunha Universidade aberta e comprometida coa súa sociedade, coa súa lingua e coa cultura de Galicia, foi outro dos obxectivos debullado por Mato que lembrou que entre o castelán e o galego “accedemos a un mercado de 650 millóns de persoas, tantas como o mercado do inglés. Co galego valemos aínda máis”.

Grandes proxectos e financiamento

No seu primeiro discurso como reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, aludiu ao Campus do Mar como “un proxecto compartido que amosa unha grande singularidade estratéxica para o noso país” e no que caben “todas as nosas fortalezas como mar e a pesca, acuicultura, naval, metal, alimentación, loxística, defensa ou patrimonio e cultura”.
Así mesmo o novo reitor avanzou outras iniciativas estratéxicas “en clave de país” como o Polo das Tecnoloxías da Información e Comunicación e as relativas á intelixencia loxística na distribución e produción de enerxía.
Mención expresa tamén realizou na súa intervención Salustiano Mato á necesidade de promover un modelo de financiamento na negociación coa Xunta de Galicia no que o volume total do orzamento debe acadar a media das universidades españolas. “Iso si”, dixo Mato, “trátase de fomentar un modelo de contrato programa por obxectivos, de maneira que as universidades recibamos fondos en función de resultados. Non perpetuemos a ineficiencia premiándoa”. Mato prometeu austeridade, “pero isto non debe ser escusa para non facer nada”, dixo, ao tempo que asegurou que para progresar hai que converter as dificultades en oportunidades e ser “unha auténtica fábrica de proxectos e iniciativas competitivas”.

As persoas. O gran activo da Universidade

Mato referiuse na súa intervención ás persoas que traballan na Universidade como” o activo máis valioso da institución” e avogou por crear un clima laboral amigable e harmónico. Nese sentido asegurou que a política de recursos humanos “debe despexar todos os interrogantes, definir a carreira profesional das persoas que se incorporan á institución, de xeito que os camiños para a promoción e consolidación estean claramente trazados”. O novo reitor tamén sinalou como fundamental manter un diálogo social permanente cos representantes sindicais.
Para o reitor o futuro da institución pasa pola modernización da estrutura administrativa para adaptala ás necesidades actuais, para o que cómpre consolidar un sistema de dirección estratéxica “que harmonice a economía coa planificación, de maneira que poidamos ser quen de aplicar intelixencia financeira que nos permita multiplicar recursos propios e desenvolver un cadro de mando integral que faga posible unha xestión universitaria eficiente”.

Agradecementos e goberno para todos

A familia, os integrantes do seu grupo de investigación, e os seus antecesores no cargo, foron obxecto do agredecemento explícito do reitor da Universidade de Vigo que tamén agradeceu o apoio electoral da comunidade universitaria e en especial a do persoal investigador e o alumnado.
Mato tamén se referiu ao seu equipo de goberno asegurando que “todos o todas están plenamente entregados para acadar os obxectivos que se debullan polo miúdo no noso programa de goberno” e finalizou a súa intervención manifestando o seu compromiso co alumnado, PDI e PAS de traballar “para todos”. Inspirándose nunha cita de Barack Obama, na que o presidente dos EEU aseguraba “Podemos. Non un, senón todos”, Mato finalizou o seu discurso afirmando “nós seremos quen, se somos todos”.

Discurso do reitor Salustiano Mato (37.75 Kb)