DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi o único proxecto español galardoado, de 200 proxectos presentados

A aplicación 5GBeamCheck, premiada no concurso europeo MyGalileoDrone

Foi defendida por Borja González Valdés, do Grupo de Antenas, Radar e Comunicacións Ópticas

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • TIC
  • Investigación
M. Del Río DUVI 24/03/2021

O investigador Borja González Valdés, do Grupo de Antenas, Radar e Comunicacións Ópticas (COM) da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo e pertencente ao centro de investigación atlanTTic, acadou o cuarto posto na competición MyGalileoDrone. Fíxoo grazas á aplicación 5GBeamCheck, que permite utilizar un vehículo aéreo non tripulado para diagnosticar antenas 5G Beamforming de maneira eficiente. Neste certame, organizado pola axencia europea Global Navigation Satellite Systems (GSA), participaron un total de 200 proxectos de toda Europa nun proceso que durou seis meses e no que os candidatos foron eliminados en tres cortes. A candidatura da Universidade de Vigo foi a única española que finalmente conseguiu un galardón nesta edición.

Un premio de 30.000 euros

O obxectivo do concurso MyGalileoDrone é deseñar, desenvolver, probar e preparar para o lanzamento comercial unha aplicación ou servizo baseado en drones capaces de proporcionar unha posición e/ou corrección de tempo usando o receptor habilitado para Galileo. Para conceder os premios, o GSA avaliou o grao de innovación, o potencial de mercado, a relevancia de Galileo, o grao de desenvolvemento do prototipo e a relación coas necesidades específicas da rexión. Así, o grupo COM obtén este recoñecemento dunha das principais institucións en materia de tecnoloxías relacionadas coa navegación por satélite. Ademais do prestixio e apoio que a distinción GSA achega ao proxecto vigués, o premio está dotado con 30.000 euros.

Para o investigador Borja González Valdés, a consecución deste galardón demostra que a tecnoloxía é interesante a nivel científico pero tamén ten potencial de mercado. “Agardamos que sexa un impulso para finalmente conseguir o apoio de empresas interesadas en levar esta tecnoloxía ao mercado dentro do contexto do programa Ignicia da Xunta do que somos beneficiarios e no que se enmarca o proxecto”. 

Unha tecnoloxía emerxente

A aplicación 5GBeamCheck insírese no proxecto Raytrack, apoiado pola axencia de innovación GAIN a través do programa Ignicia e participa no acelerador BFAero en modo de incubación. A solución viguesa, que aínda está en fase prototipo, propón o uso dun UAV (Vehículo Aéreo Non Tripulado) para diagnosticar antenas 5G con capacidade de beamforming. O beamforming ou conformación de feixe, explica o investigador, "permite conformar feixes electromagnéticos con certa directividade, é dicir, dirixidos soamente ao dispositivo 5G”. Isto fai posible, engade, mellorar a calidade da sinal en varios aspectos. “A nosa tecnoloxía permite realizar unha diagnose in situ da capacidade da antena para xerar eses feixes en diferentes direccións”. Con esta proposta do grupo COM pódese diagnosticar antenas no seu lugar de operación, “en practicamente o 100 % dos casos”. A obtención do diagrama de radiación de cada unha das configuracións beamforming permite, entre outros parámetros, “obter información sobre en que dirección están apuntando os lóbulos do diagrama, e esta información pode resultar moi útil para xeoposicionar dispositivos 5G espacialmente a través da aplicación de algoritmos que xa se están aplicando en tecnoloxías 4G”.

Galardón á idea do ano en 2019

Este galardón non é o primeiro para o grupo COM neste tipo de certames. No ano 2019, o proxecto CX-Geodrone, impulsado coordinadamente coa Universidade de Oviedo, foi seleccionado entre máis de 300 propostas emprendedoras de toda Europa baseadas na navegación por satélite, como a mellor idea do ano na convocatoria Galileo Másters. Estes premios tamén están promovidos pola Axencia Europea GNSS, xunto coa Axencia Espacial Europea, o Centro Aeroespacial Alemán e o Ministerio Federal Alemán de Transporte e Infraestruturas Dixitais.